As obras para a reparación da tubaxe de abastecemento de ENCE terán un carácter provisional e poderán comezar este 23 de novembro

11
A portavoz do Goberno indica que a empresa deberá presentar no futuro un proxecto que respecte a posición orixinal da tubaxe dentro da galería municipal co obxectivo de garantir o servizo e a seguridade dos outros elementos situados na mesma 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos asuntos tratados na orde do día, a portavoz quixo ofrecer novidades ao redor da avaría e proxecto de arranxe do tubo de abastecemento de ENCE, avaría informada pola compañía o pasado 3 de outubro, intre no que foi solicitada a reparación desta canalización. 

Tal e como indicou Gulías, as obras para arranxar esta tubaxe poderán ser iniciadas a partir do 23 de novembro, logo de ser emitidos e recibidos todos os informes pertinentes para a aprobación das actuacións. Ora ben, esta obra debe ter un carácter provisional. «A tubaxe segue sen estar na súa nova posición, xa que foi desprazada trala entrada de auga na galería. Se ben ENCE quería e quere fixar esta tubaxe na nova posición de xeito indefinido, nós entendemos que este simplemente é un primeiro paso para evitar que outros movementos indesexables poidan afectar ao servizo de saneamento e abastecemento do Concello», explicou a edil. 

«Esta actuación non poderá ser a solución definitiva a esta rotura, sendo a empresa a que debe presentar un proxecto solvente e xustificado para tentar garantir unha solución que pase por respectar a colocación da tubaxe na súa posición orixinal dentro da galería», indicou Gulías. «Sexa como for, este é o último paso dentro do proceso administrativo para a autorización destas obras con carácter urxente e provisionais para as reparacións».

Esta actuación conta cun orzamento, segundo foi transmitido ao Concello, próximo aos 459.000 euros. Doutra banda, a empresa establece un prazo de execución das mesmas de cinco semanas. A portavoz lembra que de non ser remitido un proxecto definitivo logo desta reparación, ENCE perderá a garantía presentada para estas obras.