Comeza a ampliación e reforma integral da área infantil da Xunqueira de Ponte Sampaio

36

O Concello retirou os vellos bambáns que se substituirán por outros novos, e iniciou os traballos para ampliar a superficie do parque infantil que pasará a ter 225 metros cadrados, fronte aos 145 actuais. 

A  ampliación e reforma integral do parque infantil da área da Xunqueira de Ponte Sampaio está en marcha. O Concello vén de iniciar a obra nestes días coa retirada dos vellos bambáns e coa preparación da superficie de xogo. O proxecto recibiu hai unha semanas o permiso de Costas para poder actuar neste espazo xa que se trata dunha instalación que ten un uso intensivo por parte da cativada durante todo o ano, especialmente na primavera e no verán, polo atractivo que desperta nos visitantes a praia de Ponte Sampaio.

A instalación infantil resultaba totalmente insuficiente para a cantidade de rapaces e rapazas que se achegan a gozar del. De feito, nos últimos tempos ampliárase o número de elementos de xogo fóra do valado do parque. Estaban colocados na zona verde. 

Tanto o chan como os xogos, dentro e fóra do valado, estaban en mal estado de conservación.  A Concellaría que xestiona Raimundo González Carballo optou por non reparalos ao entender os técnicos que non era posible. Dentro da reforma, tamén inclúen a retirada do valado que arrodea o parque xa que está oxidado e debe ser substituído.

O proxecto inclúe, por un lado, ampliar a superficie de xogo do parque infantil co terreo no que se atopan os dous elementos de fóra do valado. A superficie dentro do valado é de 145 m2, e a de fóra de 80 m2, polo que o parque pasará a ter unha superficie total de 225 m2. 

Tamén prevé cambiar o chan de caucho actual e amplialo á nova área; instalar un valado de madeira de 60 metros de lonxitude e 1 metro de altura, e retirar todos os elementos de xogo que serán substituídos polos seguintes:

  • Un barco 
  • Un carrusel xiratorio 
  • Un minitobogán 
  • Un xogo de resorte de dúas prazas 
  • Un bambán dobre. 

A obra, que ten un custe de 48.350,49 euros,  rematará coa instalación dos bancos de pedra existentes, que se retirarán para facer os traballos e devolveranse ao seu sitio ao remate.