O Concello colaborará para lograr que o Carballo de Santa Margarida sexa a Árbore europea de 2023

19

Esta mañá o alcalde recibiu a un grupo de persoas que quere poñer en valor a árbore centenaria, entre elas a comunidade educativa do Luis Seoane ou as Escolas da Unesco.

Levan un tempo traballando arredor do carballo e queren presentar a súa candidatura no Culturgal, facer unha web, crear papel das súas follas, tinta das landras ou xogar ao “Bellota game inclusivo”, entre outras propostas.

Nos vindeiros días, o Concello colaborará co colectivo para poñer na rúa unha mesa petitoria para xestionar o apoio á candidatura do Carballo, antes do 10 de decembro. 

O alcalde de Pontevedra,  Miguel Anxo Fernádez Lores mantivo esta mañá unha reunión cun grupo de persoas que queren poñeren poñer en valor o Carballo de Santa Margarida, que vén de ser presentado ao concurso Árbore europea do ano 2023. Puxeron sobre a mesa varias posibilidades de colaboración, especialmente as vinculadas á conseguir máis votos para esta candidatura, polo que nos vindeiros días o Concello colaborará na colocación dunha mesa petitoria no centro da cidade para que as persoas que o desexen apoien esta candidatura. Pódese votar até o vindeiro 10 de decembro.

Este colectivo leva un tempo traballando coa comunidade educativa do IES Luís Seoane e as Escolas da Unesco arredor da árbore. De feito, fixeron viveiros onde plantaron landras para facer fillos do Carballo. Un deses fillos é Esmeralda que entregaron ao alcalde para que sexa plantado nun lugar destacado da cidade.

Os traballos ao arredor do Carballo van dende obter tinta das landras até a plantación de fillos da árbore nunha parcela próxima ao instituto, no barrio de Monte Porreiro; a creación dunha páxina web, dar a coñecer a candidatura de Árbore europea no Culturgal, facer papel coas follas do Carballo ou xogar ao “Bellota game inclusivo”, entre outras propostas.

“Percibín moita ilusión e gañas de facer cousas por parte dos alumnos porque descubren a natureza e a importancia que teñen as árbores”, explicou Fernández Lores quen precisou que “pareceume interesantísimo e imos prestar a nosa colaboración na medida en que nos sexa posible”.