Os Vermús de Pinto e Maragota regresan este domingo aos soportais do Campiño de Santa María coa celebración do seu I Concurso Tortilleiro

33
  • O certame, organizado pola Concellería de Igualdade, estará amenizado por unha sesión de música ‘petarda’ a cargo de Palito DJ e entregará como premio á mellor tortilla cociñada un menú degustación para dúas persoas no restaurante pontevedrés O Eirado da Leña
  • O bar La Hormiga colaborará co evento, que se desenvolverá a partir das 13:00 horas, ofrecendo vermús con desconto

Os Vermús de Pinto e Maragota, impulsados pola Concellería de Igualdade de Pontevedra, regresan este domingo 20 de novembro aos soportais do Campiño de Santa María coa celebración do seu I Concurso Tortilleiro. O certame, que dará comezo ás 13:00 horas, estará amenizado por unha sesión de música ‘petarda’ a cargo de Palito DJ e entregará como premio á mellor tortilla que se elabore un menú degustación para dúas persoas no restaurante pontevedrés O Eirado da Leña. O evento conta coa colaboración do bar La Hormiga, que ofrecerá vermús cos desconto ao público asistente.


Tal e como explica a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “poderán participar neste I Concurso Tortilleiro de Pinto e Maragota tódalas persoas que o desexen, sen inscrición previa e haberá un único galardón á mellor tortilla de patacas tradicional, polo que os ingredientes permitidos serán aceite, ovos, patacas, sal e cebola, opcional, para non entrar en vellos debates”. “As tortillas -sinala a edil do PSOE- traeranse xa cociñadas aos soportais do Campiño de Santa María o propio domingo ás 12:45 horas. Cada unha será identificada cun número que se anotará no exterior dun sobre pechado, dentro do cal figurará o nome e apelidos da persoa que concursa e o seu teléfono”.


As tortillas serán divididas en porcións para a súa degustación, primeiro polo xurado e posteriormente polo público asistente. Segundo aclara Yoya Blanco, “o xurado estará conformado por tres persoas: unha en representación de Pinto e Maragota; unha polo colectivo Avante LGBT+ e unha do ámbito da hostalería pontevedresa”. “As votacións efectuaranse escribindo nun papel o número da mellor tortilla e depositándoo nunha urna. Unha vez que se saiba o fallo do xurado, farase entrega do premio, mentres que o público desfruta da degustación de tódalas tortillas. O cociñeir@ da tortilla premiada polo xurado recibirá un fabuloso menú degustación para dous en O Eirado da Leña”, apuntou a socialista.