O Curso de Habilidades Sociais na Cociña impulsado por Benestar Social dota a 50 persoas en situación vulnerable das ferramentas para xestionar a compra e elección de alimentos, o seu cociñado, o aforro enerxético e a economía dos seus fogares

58
  • Os talleres, que deron comezo en outubro e continuarán na Casa Azul ata o 22 de decembro, tamén pretenden fomentar a cociña como un espazo familiar, no que mellorar as habilidades culinarias e as relacións familiares e sociais

Unhas 50 persoas participan desde o pasado mes de outubro no Curso de Habilidades Sociais na Cociña organizado na Casa Azul pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra. A actividade, desenvolvida en diferentes grupos, pretende ofrecer ferramentas para coñecer e administrar unha necesidade primaria como é a alimentación entre homes e mulleres en situación vulnerable, aumentando a eficiencia na xestión dos fogares e promovendo a súa mellora integral.

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegouse esta mañá até a Casa Azul para saudar aos participantes nun dos grupos deste Curso de Cociña e, de paso, saborear algunha das receitas elaboradas. Segundo apuntou o edil do PSOE, estes talleres, que seguirán a impartirse ata o 22 de decembro, “están pensados para botar unha man á veciñanza que máis o precisa, que recibe alimentos, achegándolles as capacidades para xestionar, non só o seu cociñado, senón tamén a economía que os fogares precisan para a compra e elección doutros alimentos, sen esquecer en ningún momento que a cociña é un espazo familiar, no que mellorar as habilidades culinarias, as relacións familiares e sociais, o aforro enerxético e a economía”.

O que entronca pois cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, incidindo concretamente nos relativos ao fin da pobreza, fame cero, saúde e benestar, educación de calidade, igualdade de xénero, redución das desigualdades e paz, xustiza e institucións sólidas.


A Organización Mundial da Saúde define esta última como o estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente como a ausencia de afeccións ou enfermidades, polo que o benestar quedaría deste xeito conformado tanto pola provisión de recursos como pola sensación das persoas de vivir dun xeito axeitado, tendo un papel primordial os contextos social e medioamtiental que as rodea. Esta actividade formativa pretende incidir nestes aspectos fundamentais, sempre dun xeito ameno, entretido e divertido.