Cociña galega e chinesa protagonizará esta fin de semana os talleres do Ganapán

7
  • Os rapaces e rapazas que participen nos obradoiros organizados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo poderán elaborar roliños de primavera e a deliciosa torta de nata galega
  • No programa, que se desenvolverá o sábado 19 e domingo 20 en horario de 11:30 a 13:30 horas, inclúense actividades creativas de confección de tiracroios e das criaturas mitolóxicas máis poderosas da China: os dragóns

Os rapaces e rapazas que esta fin de semana se acheguen ata o Gastroespazo do Mercado de Abastos para participar nas actividades do programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, poderán adentrarse na cultura e a cociña galegas e tamén viaxar para coñecer as da China. Entre os talleres organizados para este sábado 19 e domingo 20 inclúense un obradoiro de elaboración desa deliciosa torta de nata galega, tenra, zumarenta e doada de preparar, e outro no que os pequenos terán ocasión de cociñar uns ‘clásicos’ da gastronomía chinesa, os rolos de primavera, unha forma diferente e divertida de comer verduras.


Ademais, segundo sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “a rapazada tamén poderá desfrutar de actividades creativas, como un taller no que crearán e xogarán con tiracroios (o sábado 19) e outro no que completarán a súa viaxe a China descubrindo a súa criatura mitolóxica máis poderosa: o dragón”. A edil do PSOE lembra que “os obradoiros desenvolveranse en horario de 11:30 a 13:30 horas e que están destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos”. “Todos aqueles interesados en participar deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando no correo electrónico as posibles alerxias ou intolerancias. Que ninguén esqueza a friameira para levar a casa as receitas cociñadas”, lembra Blanco.