O alcalde despide aos mozos e mozas de Europa que fixeron o mural no lavadoiro de Mourente

5

O proxecto artístico está organizado pola experiencia ticket2Europe, enmarcada no programa Erasmus+ 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá aos mozos e mozas de toda Europa que participaron na elaboración dun mural no lavadoiro de Mourente. O proxecto artístico estivo organizado pola experiencia Ticket2Europe, e enmarcado no programa Erasmus+, cun obxectivo educativo non formal, mesturando ideas, colaborando e traballando coa veciñanza do lugar, procurando que fose unha experiencia interxeracional.

O alcalde preguntoulles pola súa estancia en Pontevedra e por si lles gustara a cidade, ao que algún respondeu que lle gustaría quedar a vivir por tratarse dunha vila tranquila e agradábel. De todos os xeitos, o proxecto rematou hoxe mesmo e mañá os máis de 30 mozos e mozas de cinco países da Unión Europea que participaron nesta experiencia regresarán de volta aos seus domicilios.

O mural creouse da man de Cuco Carrera e mellora a contorna do lavadoiro. Contou co apoio do Concello que ofreceu o material para o mural, así como a empresa Autocares Rías Baixas que ofreceu o transporte da rapazada nestes días.