Tino Fernández asiste no CEIP Praza de Barcelos ás sesións inaugurais do espectáculo de Pedro Volta ‘Un Mago na Lúa. A Arte Máxica do Asombro’

29
  • O espectáculo de maxia didáctico protagonizado polo ilusionista Pedro Volta percorre a evolución da arte do ilusionismo desde o Antigo Exipto ata a figura do mago Georges Méliès, coa finalidade de difundila entre os escolares de 2º e 3º ciclo de Primaria

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, asistiu esta mañá no CEIP Praza de Barcelos á xornada inaugural da actividade ‘Un Mago na Lúa. A Arte Máxica do Asombro’, un espectáculo de maxia didáctico sobre a evolución da arte do ilusionismo desde o Antigo Exipto ata a figura do mago Georges Méliès, creador das primeiras películas de ciencia ficción. Estas primeiras funcións desenvolvéronse en dúas sesións (10:00 e 12:00 horas), nas que participaron uns 175 alumnos e alumnas de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria: 42 de 3º, 41 de 4º, 42 de 5º e 50 de 6º.


O ilusionista Pedro Volta creou este espectáculo de maxia para escolares de 2º e 3º ciclo de Primaria coa finalidade de difundir a antiga arte do ilusionismo entre as novas xeracións e darlles a coñecer que se trata dunha disciplina milenaria que require de moito esforzo, técnica, enxeño e traballo de escena. A actividade levarase a cabo ao longo de novembro e decembro nos colexios de Barcelos, A Xunqueira I, Parada-Campañó, Froebel, Ponte Sampaio, Marcos da Portela, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve, San José, Daría González, Cabanas e A Xunqueira II (cun máximo de 150 alumnos/as por sesión).


Ao rematar as funcións, que teñen unha duración duns 60 minutos, os alumnos participantes recibiron unhas fichas didácticas sobre Georges Méliès e outros mestres da maxia. Cada centro recibirá ademais dous exemplares do libro ‘O Pazo Máxico: a túa primeira Escola de Maxia’, para que poidan desenvolver unha actividade na aula nos días previos á celebración do espectáculo.