O Liceo Casino acolle este martes a estrea do documental ‘Descubrindo o Enil da Xunqueira de Alba’

195
  • A proxección inaugural desta peza audiovisual, a primeira de carácter documental que se realiza sobre este Espazo Natural de Interese Local, irá precedida dunha mesa redonda na que participarán o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes; a guionista da obra, Cynthia Menéndez; o naturalista José Rodrigo Dapena, autor da Guía de Bolboretas existentes neste contorno, e a bióloga Saleta González Pimentel, autora da Guía de Flora 
  • A súa realización foi posible grazas ao cofinanciamento do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (Galp) a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (Femp) da UE. O proxecto, ao que a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou unha achega de 17.787 euros, está subvencionado nun 43’8% mediante unha axuda de 7.797,11 €, dos que o 85% (6.627,54 €) proceden do Femp

O Liceo Casino de Pontevedra acollerá este martes 15 de novembro ás 19:00 horas a estrea do documental ‘Descubrindo o Enil da Xunqueira de Alba’, unha peza audiovisual realizada por Fernando Portela, producida por Miguel Riaño (de Imaco) e impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor a riqueza ambiental e a biodiversidade (fauna e flora) da Xunqueira e da Illa do Covo. A proxección inaugural da obra, a primeira de carácter documental que se centra neste Espazo Natural de Interese Local (Enil), irá precedida dunha mesa redonda duns 30 minutos na que intervirán o concelleiro responsable da área, Iván Puentes; a súa guionista, Cynthia Menéndez; o naturalista José Rodrigo Dapena, autor da Guía de Bolboretas existentes neste cortorno natural, e a bióloga Saleta González Pimentel, autora dunha Guía de Flora do Enil.


Dapena e Pimentel son precisamente dous dos protagonistas deste documental, que tamén conta con intervencións do biólogo Vítor Xosé Cabaleiro e do veciño de Lérez Benigno García, cuxa realización foi posible grazas ao cofinanciamento do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (Galp) a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (Femp) da UE. O proxecto, ao que a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou unha achega de 17.787 euros, está subvencionado nun 43’8% mediante unha axuda de 7.797,11 €, dos que o 85% (6.627,54 €) proceden do Femp.

A Xunqueira de Alba é o espazo natural máis importante que existe en pleno corazón de Pontevedra, polo que o Concello decidiu destinar parte dos fondos que lle chegan a través do Galp a financiar esta obra de divulgación, coa finalidade de promocionar turisticamente a cidade e este contorno (un dos seus grandes atractivos) e de darlle a coñecer á nosa cidadanía a riqueza biolóxica e ecolóxica deste espazo, un labor iniciado coas guías de paxaros, bolboretas e flora que se van actualizando ano a ano. Non obstante, Iván Puentes ten a intención de distribuílo entre os centros educativos para que os profesores poidan traballar con el nas aulas e achegarlles aos máis pequenos a importancia deste espazo. 


O documental, o primeiro que Fernando Portela realizou sobre natureza, foi o resultado de cinco meses de gravación nada sinxelos, no que a axuda de Vítor Cabaleiro, Saleta González e Rodrigo Dapena resultou esencial para localizar a moitas das especies.


A Xunqueira de Alba forma parte dun Espazo Natural de Interese Local (Enil) cuxa superficie total alcanza as 67 hectáreas (cunha marisma de 48 hectáreas). Trátase dun espazo que forma parte do dominio de Costas e que conta cun Plan de Conservación aprobado polo Decreto 190/2012, no que se recollen os usos, actividades permisibles e limitacións necesarias para o seu mantemento, e que ten un valor ecolóxico fundamental que inflúe de xeito determinante na conservación medioambiental da ría de Pontevedra.


Este Enil  vén de recibir unha subvención dos fondos Next Generation a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Concello de Pontevedra e xa conta cun proxecto de mellora e rexeneración avalado pola Fundación Biodiversidade, que abrangue a eliminación de especies invasoras, tanto vexetais, fundamentalmente robinias, acacias e algún eucalipto, como animais, onde o principal invasor é o cangrexo americano, así como a optimización hidrolóxica da Xunqueira, que se vai acolmatando e desecando co paso dos anos, e que é necesario reverter para que recupere a os niveis de humidade que tiña no pasado e siga a comportarse como un humidal de grande importancia.


O concelleiro socialista Iván Puentes ten a intención de que estas actuacións se completen nun futuro coa creación dun centro de interpretación da Xunqueira de Alba, semellante ao existente nos Humidais de Salburua, o Ataria de Vitoria.


O traballo enmárcase no obxectivo da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) da zona pesqueira de impulsar e aproveitar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático, así como contribuír á concienciación cidadá nestes ámbitos. O documental ‘Descubrindo o Enil da Xunqueira de Alba’ busca fomentar a conciencia ecolóxica e o aproveitamento sostible do patrimonio ambiental das zonas costeiras para as xeracións actuais a e futuras, promover iniciativas de posta en valor e protección deste recurso natural e de redución da pegada de carbono e mitigación dos efectos do cambio climático.


Este é o teaser da peza audiovisual:


https://vimeo.com/manage/videos/759797844