Pontevedra tomará as rúas este domingo co gallo Día Mundial da Diabetes nunha IX edición da Milla Solidaria de Anedia na que participarán máis de 600 persoas e que contará cunha espectacular proba de relevos 4×500

50
  • Baixo a consigna ‘Que a diabetes non pare’, a proba deportiva ten a dobre misión de darlle visibilidade a esta patoloxía e reivindicar a importancia que a actividade física ten para tódalas persoas, de calquera idade e condición física
  • O programa de actividades impulsado pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia en colaboración coa Concellería de Deportes e Saúde e a Deputación Provincial con motivo da xornada conmemorativa do luns 14 de novembro, cuxo lema deste ano é ‘Educar para protexer o futuro’, púxose en marcha esta mañá co despregue dunha pancarta no balcón da Casa da Luz

O aumento da incidencia da diabetes é unha realidade innegable. Este incremento prodúcese ademais non só en diabetes tipo 2, senón tamén en diabetes tipo 1, unha tipoloxía de carácter autoinmune. Cada día, unhas 1.100 persoas son diagnosticadas con diabetes tipo 2 en España, unha progresión que supuxo un incremento dun 42% no número de afectados desde o ano 2019 ata actualidade, na que a cifra de persoas con esta patoloxía alcanzou xa son 6 millóns (en 2025 podería chegar aos 9 millóns). No marco dos actos organizados polo colectivo Anedia en colaboración co Concello e a Deputación co gallo do luns 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes, e coa dobre misión de visibilizar a diabetes e de reivindicar a importancia da actividade física para tódalas persoas, con independencia da súa idade e condición física, Pontevedra volverá celebrar este domingo 13 a súa ‘clásica’ Milla Solidaria de Anedia – Que a diabetes non pare, nunha IX edición na que se agarda a participación de máis de 600 persoas, desde os máis pequenos da casa ata atletas federados.


A cita deportiva será o prato forte dun programa que esta mañá se puxo en marcha co despregue dunha pancarta conmemorativa no balcón da Casa da Luz e que foi presentado no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros; a presidenta da Asociación de Nenos, Nenas e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia), María José Rego Lojo; a súa ex presidenta Silvia Puga (cofundadora de Anedia), mestra e xefa de Estudos do CEIP de Marcón; o director técnico da proba, Gonzalo Méndez, presidente do Club Atletismo Rías Baixas, e mailos deportistas Alberto Guimeráns e David Ferrer (delegado da Federación Galega de Atletismo). O lema escollido este ano para celebrar o Día Mundial da Diabetes é ‘Educar para protexer o futuro’, subliñando deste xeito a importancia da educación en diabetes e en nutrición e reclamando unha formación específica por persoal especializado para os pacientes.


A Milla Solidaria contará cunha carpa onde todo aquel que o desexe poderá facerse probas de glicemia e coa presenza de varios colexios profesionais que colaborarán con Anedia no seu labor de información e difusión: Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (Copoga), Colexio Profesional de Dietistas-Nutricionistas de Galicia (Codinugal) e Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (Colef-Galicia). A carreira, que incluirá unha pequena andaina inclusiva na que todo o mundo pode participar, desenvolverase en pleno centro da cidade, nun circuíto circular homologado que discorrerá pola avenida de Montero Ríos (entre a Deputación e o IES Valle Inclán) e que presentará como novidade unha espectacular proba de relevos 4×500.


Á marxe da Milla e do despregue da lona no balcón da Casa da Luz, entre os actos conmemorativos tamén está prevista a iluminación da Casa Consistorial con luz de cor azul durante os días 13 e 14 e a celebración dunha xornada dedicada a diabetes no CEIP de Marcón este venres 11, incluíndo unha exposición dos Bolechas, a distribución do cadernillo de actividades editado por Anedia coa axuda das concellerías de Educación e de Benestar Social e varias sesións de contacontos protagonizadas por Raquel Queizás (co espectáculo Historias Azuis).


A presidenta de Anedia asegurou que este Día Mundial da Diabetes “nós non temos nada que celebrar, o que temos que facer é seguir loitando como loitamos as 24 horas do día, ben coa enfermidade dos nosos fillos, ben coa nosa”. Ao seu xeito de entender, “este ano é moi especial, xa que no lema fálase da importancia da educación, ‘Educar para o futuro’, porque precisamos dunha educación en diabetes e en saúde”. “Nós nunca paramos de movernos. Queremos dar visibilidade e información e seguimos traballando un ano máis nos colexios, xa que aí non chegamos só aos nenos, senón tamén ás familias, aos mestres e ao resto de persoal. No día de onte recibimos precisamente un premio a nivel nacional polo noso traballo nos coles. Estamos moi orgullosos, sobre todo do traballo dos nosos voluntarios, que están sempre axudando nas asociacións, e tamén do dos profesores. Seguiremos loitando”, subliñou María José Rego.


Tal e como apuntou Silvia Puga, “o vindeiro venres virá Raquel Queizás ao CEIP de Marcón, onde temos escolarizado alumnado con diabetes, para presentarnos uns contacontos elaborados por ela en colaboración con Anedia: teremos un para Infantil, ‘Nano ten diabetes’, e un para Primaria”. “Ademais, a Asociación faralles entrega dos cadernos de actividades dos Bolechas, elaborados en colaboración co Concello, Anedia e o Sergas, e haberá unha exposición do último libro dos Bolechas. O que pretendemos é que o alumnado se conciencie sobre esta realidade e acolla mellor a todos estes nenos e nenas, que poden facer unha vida totalmente normal, pero cuns coidados especiais en determinadas ocasións”, indicou a xefa de Estudos do colexio.


Arredor de 350 nenos e nenas de entre 10 e 16 anos

Gonzalo Méndez fixo fincapé na importancia “da saúde, por enriba de todo, da competitividade, do deporte de elite… O exercicio físico para todos, primordial para previr tanto a diabetes como tódalas enfermidades e que debería ser unha asignatura obrigatoria ata a Universidade e moito máis aló”. O director técnico da Milla celebrou o regreso da proba á Alameda, “que é un sitio incrible e marabilloso para facer deporte e para correr, xa que é como unha pista de atletismo e que está homologada”. “Se temos sorte este domingo e o tempo aguanta -sinalou Méndez-, desfrutaremos dunha fermosa mañá de deporte. A inscrición será masiva. Fóisenos un pouco das mans, porque esta mañá había máis de 600 inscritos. O traballo vai ser un pouquiño máis, pero isto é unha ledicia loxicamente. Comezaremos ás 10:30 horas coas primeiras carreiras e estaremos ata as 13:00 horas, e haberá probas para tódolos nenos e nenas, desde 0 anos (con medallas para os tres primeiros de cada categoría, desde Benxamín a Veteráns). Hai moitísima participación entre rapaces e rapazas de 10 a 16 anos, arredor de 350 nesa franxa de idades”.


En opinión de Tino Fernández, as cifras de inscricións na Milla poñen de manifesto que “existe unha maior visibilización e que a xente está máis concienciada, que son precisamente os obxectivos que se perseguen con estes eventos”. Para o edil socialista, “este tipo de actividades impulsadas polas concellerías de Deportes, Educación e Benestar Social fan que se visibilice situacións que están na vida, pero que se poden facer moito máis levadeiras do que o eran hai 10 ou 15 anos”. “A actividade complementaria do contacontos funciona moi ben e é probable que a teñamos que levar a outros colexios e noutros momentos. Hai moita demanda e quero agradecerlles aos mestres e direccións dos centros a súa disposición a participar neste tipo de accións de promoción da actividade física e da saúde”, afirmou Fernández.


Olga García Ballesteros aplaudiu o traballo desenvolvido por Anedia a prol do benestar dos pacientes que sofren a enfermidade da diabetes e destacou a importancia “da formación que se lles está a dar aos mestres para poder axudar aos nenos”. A deputada provincial destacou a elevada participación nesta IX edición da Milla Solidaria e agradeceu o traballo que a Asociación está a realizar para o fomento da actividade física, “porque é o máis importante para a saúde”. “Hai que facer deporte ao longo de toda a vida”, aconsellou Ballesteros.