Os doces máis orixinais e saudables agardan á rapazada esta fin de semana no Ganapán

9
  • Os pequenos que participen nos obradoiros organizados pola Concellería de Promoción Económica no Gastroespazo do Mercado poderán elaborar galletas integrais de cacao e biscoito vegano de cenoria
  • No programa de actividades, que se desenvolverá o sábado 12 e o domingo 13 en horario de 11:30 a 13:30 horas, inclúense talleres de confección de mini papaventos e de plastilina con purpurina

A cociña máis lambona e saudable regresará esta fin de semana ao recetario do programa de lecer infantil O Ganapán. As actividades para nenos e nenas de 4 a 10 anos organizadas pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Gastroespazo do Mercado de Abastos incluirán uns obradoiros nos que os rapaces participantes poderán elaborar unha boa fornada de galletas integrais de cacao perfectas para almorzar ou merendar (o sábado 12 de novembro) e a versión vegana dunha receita clásica como biscoito de cenoria, un ingrediente que goza de múltiples beneficios para a saúde e que lle dá ao biscoito unha esponxosidade ideal (o domingo 13 de novembro).


Segundo apunta a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “na divertida proposta do Ganapán tamén se contemplan talleres creativos nos que a rapazada terá ocasión de deseñar uns mini papaventos moi chulos e aerodinámicos ideais para xogar en días de vento e enzoufarse un pouco facendo plastilina con purpurina”. 


“Todos aqueles nenos e nenas interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, indicando no email as posibles alerxias ou intolerancias. Como sempre aconsello: que ninguén esqueza a súa friameira para levar a casa as deliciosas receitas cociñadas”, sinala a edil do PSOE.