Volven os Xogos na Rúa na recta final do ano

210
Catro propostas para os meses de novembro e decembro: xogos tradicionais, na procura dun tesouro, xincana inter-barrios e escape barrio
Xogos na Rúa é  unha iniciativa da Concellería de Promoción da Cidade que convida a nenos/as e maiores a converter o espazo público nun punto de encontro lúdico e  inter-xeracional e contribúe a construír barrio 

Os Xogos na Rúa volverán a ocupar as prazas e rúas na recta final do ano. Catro novas citas terán lugar en distintos barrios da cidade nos meses de novembro e decembro cun obxectivo: pasalo ben e facer novas amizades. 

Nesta ocasión crianzas e maiores poderán gozar con xogos tradicionais -xogos de “tempada” como os trompos- ; quedar para ir na procura dun tesouro; participar en xincanas por barrios que non son o seu ou participar nun escape barrio co que aprenderán algo máis da historia do lugar.

Un Xogarrúas dará a coñecer, o vindeiro mércores 9 de novembro (de 17.00 a 18.30 horas) o programa de actividades, cun desfile lúdico e interactivo pola cidade ao tempo que animará á participación.

Xogos Na Rúa Efecto PO2 son unhas xornadas lúdicas – promovidas pola Concellería de Promoción da Cidade, dirixida por Anabel Gulías- que convidan ás familias (nenos e nenas e maiores) a ocupar distintas rúas e prazas da cidade co dobre obxectivo de converter o espazo público nun punto de encontro lúdico e  inter-xeracional no que compartir xogos, risas e diversión e, por outra banda, nun escenario ideal para estreitar lazos de amizade, xerar empatía e solidariedade entre a veciñanza  e construír barrio.

Propostas e calendario

1. XOGOS DE OUTONO. Xogos tradicionais e “de tempada” comos os trompos. A cita é o domingo 13 de novembro, de 11 a 13 horas, nos barrios de Monte Porreiro, Pontevedra Leste e Campolongo.

2. NA PROCURA DO TESOURO. Coa axuda dun mapa, pistas e probas espalladas polo barrio, as familias deben atopar o tesouro agochado. A cita é o sábado 26 de novembro, de 17 a 19 horas na Moureira.

3. XINCANA INTER-BARRIOS. Xogo familiar de superación de retos nun barrio que non é o teu. A quedada é o domingo 11 de decembro, de 11 a 13 horas, e os cruzamentos de barrios os seguinte:

  • Campolongo xogará no Gorgullón
  • Pontevedra Leste en Valdecorvos
  • Valdecorvos en Campolongo
  • Gorgullón en Pontevedra Leste

4. ESCAPE BARRIO. Con probas de habilidade, inxenio e observación lograr saber máis do lugar. A cita é o martes 27 de decembro, de 17 a 19 horas, na Zona Monumental-O Burgo

Nos Xogos na Rúa poderán participar familias ou grupos de amizades cando menos cun neno/a maior de 3 anos e menor de 12 anos e unha persoa adulta ao cargo (nai, pai, curmán, avoa, irmán maior,…). O equipo debería ter un mínimo de 3 persoas, co fin de que podan participar dun xeito activo en todas as propostas.

Para xogar é preciso inscribirse. A inscrición será de balde e obrigatoria a través desta ligazón.

Xogos na Rúa é moito máis cunha proposta lúdica, é unha ferramenta para crear comunidade e construír cidade. Estes son os seus obxectivos:

  • Animar á ocupación do espazo público, pensado e organizado en Pontevedra para uso, servizo e goce de todas as persoas.
  • Ver, sentir e vivir a cidade como a extensión do fogar, un espazo seguro, amable, acolledor e igualitario.
  • Crear comunidade.
  • Crear conciencia de que o uso e ocupación do espazo público é un dereito pero tamén que o seu coidado, posta en valor e preservación é responsabilidade de todas e todos.
  • Devolver as rúas e lugares e lugares dos nosos barrios a veciñanza como espazos de lecer e divertimento.