Pontevedra terá voz no deseño da Axenda Urbana para a UE ao converterse na única cidade española en ser seleccionada pola Comisión Europea para integrarse no Partnership Greening Cities

55
  • Trátase dunha alianza comunitaria para a renaturalización de cidades da que forman parte urbes europeas como Roma, Lisboa, Utrech ou Tampere e 14 entidades rexionais, nacionais e europeas, entre as que se inclúe o Banco Europeo de Investimentos
  • Iván Puentes subliña a importancia deste fito, que permitirá que Pontevedra “xogue un papel esencial na definición das políticas urbanas e instrumentos de financiamento para o desenvolvemento da infraestrutura verde e azul no contexto urbano, facendo chegar a súa perspectiva tamén para impulsar políticas europeas sobre conservación da biodiversidade e adaptación ao cambio climático”

Pontevedra terá moito que dicir no deseño da Axenda Urbana para a UE a converterse na única cidade española en ser seleccionada pola Comisión Europea para integrarse no Partnership Greening Cities, unha alianza comunitaria para a renaturalización de cidades e loita contra o cambio climático da que formarán parte outras 7 urbes europeas, entre as que se inclúen Roma, Lisboa, Utrecht e Tampere, e 14 entidades rexionais, nacionais e europeas, algunha delas da importancia do Banco Europeo de Investimentos. A elección de Pontevedra para formar parte deste partenariado, que foi comunicada ao Concello a pasada semana nunha misiva asinada pola responsable do departamento de Crecemento Inclusivo e Desenvolvemento Urbano e Territorial da Comisión, Laura Liger, sitúa á nosa cidade dentro do circuíto europeo que definirá a política e os instrumentos de financiamento de infraestrutura verde e azul, permitíndonos ter acceso a tódolos axentes que se moven neste ámbito e, polo tanto, seguir captando fondos neste eido.


A boa nova foi anunciada esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quen subliñou a relevancia deste fito asegurando que permitirá que Pontevedra “xogue un papel esencial na definición das políticas urbanas e instrumentos de financiamento para o deseño de infraestrutura verde e azul no contexto urbano, facendo chegar a súa perspectiva tamén para impulsar políticas europeas en relación á conservación da biodiversidade e á adaptación ao cambio climático”. Segundo explicou o edil do PSOE, a UE, dentro das súas estratexias para contar coa experiencia das cidades e doutros entes europeos á hora de definir as súas políticas de futuro en áreas estratéxicas, “lanzou no pasado mes de agosto unha convocatoria vencellada á renaturalización e reverdecemento de cidades para que todas aquelas urbes interesadas en formar parte desta alianza se puidesen presentar: Pontevedra presentou a súa candidatura e o pasado 28 de outubro comunicáronnos que non só estamos seleccionados, senón que ademais somos a única cidade de España que foi seleccionada”.


“Esta alianza -sinalou Iván Puentes- significa que imos formar parte dunha sorte de Liga de Campións, cúpula ou locomotora das cidades europeas que deseñan políticas verdes e azuis. Imos ser socios doutras cidades da importancia de Roma, Lisboa ou Utrecht, que teremos a misión fundamental de asesorar á Comisión Europea no deseño das políticas verdes e azuis no conxunto da UE para os vindeiros anos. Ímolo facer ademais da man de entidades europeas da importancia do Banco Europeo de Investimentos. Nesta condición de socios da alianza, celebraremos unha serie de xuntanzas co resto de socios e coa propia UE (os traballos e primeiras reunións darán comezo a principios de xaneiro de 2023) para definir que accións son prioritarias á hora de promover os investimentos europeos en renaturalización de cidades e na estratexia verde e azul (ríos e contornos naturais) e, estando o Banco Europeo de Investimentos polo medio, axudarlle á UE co noso punto de vista cales van ser os mecanismos e criterios de financiamento desas futuras accións”.


Un Plan de Acción cun horizonte temporal de tres anos


Todas estas achegas reflectiranse nun Plan de Acción que será aprobado e adoptado pola Comisión Europea para o impulso das infraestruturas verdes e azuis no ámbito urbano, e que ten un horizonte temporal de tres anos (entre 2023 e 2026). Segundo apunta o concelleiro socialista, “isto significa que, dispoñendo dunha estratexia como Pontevedra Flúe, que xa presentamos, con tódolos proxectos de recuperación dos contornos verdes e azuis da cidade, imos ter a oportunidade de que, antes de que Europa defina que accións son prioritarias para os vindeiros anos e que criterios se van utilizar para financiar esas accións, a UE nos escoite e poidamos poñer enriba da mesa aquelas cuestións que nos entendemos que son fundamentais”. “Convertémonos nun actor principal -asegurou Puentes- e Pontevedra segue a referenciarse a nivel mundial, neste caso nalgo que tiñamos pendente, que son a recuperación de espazos naturais e contornos fluviais e as políticas que levan esa etiqueta de verde e azul, que parece que serán as que definan unha boa parte dos fondos europeos que cheguen aos distintos países nos vindeiros anos”.


Tal e como precisou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “cando impulsamos a estratexia Pontevedra Flúe, sempre dixemos que era unha estratexia para recuperar espazos degradados e para facer á nosa cidade máis resiliente e máis capaz de loitar contra os efectos do cambio climático, pero tamén para captar investimentos e xerar riqueza, emprego e futuro, tanto para os cidadáns como para as empresas do municipio”. 
As cidades e entidades que conforman esta alianza poden consultarse a través do seguinte enlace: https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1nXJAWDPwewK4tiqzKtFMlCzjxBymlNc&ll=51.5051541041205%2C8.48572164999999&z=4


Aprobación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino


Na súa comparecencia, Iván Puentes puido ademais dar conta doutra boísima nova para o desenvolvemento deste modelo verde, como foi a aprobación, en Xunta de Goberno Local, do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, deseñado conxuntamente polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica e Turismo e que logrou ser elixido entre os 9 proxectos consensuados e aprobados polo Goberno central e a Xunta cunha inxección global de 14,6 millóns de euros provintes dos fondos europeos Next Generation na nosa comunidade autónoma. No caso de Pontevedra, as axudas comunitarias traduciranse nunha subvención de 2 millóns de euros (a nosa proposta atópase entre as mellor puntuadas), cunha serie de accións concretas, entre as que se contemplan as seguintes: 

  1. Continuación da Vía Verde do Salnés: unión da senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra, Ponte Sampaio e Arcade a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez, a Ruta Xacobea e outros camiños preexistentes empregados por ciclistas. 
  2. Conexión da cidade cos parques forestais do contorno (A Tomba, A Fracha e O Pontillón do Castro): a conectividade farase a través do contorno dos ríos, mediante sendas fluviais.
  3. Programa de iluminación eficiente de espazos naturais.
  4. Observatorio turístico: creación dun Observatorio de Turismo para realizar un seguimento da actividade turística en Pontevedra. 
  5. Pontevedra Capital Gastro: realización de actividades culturais vencelladas á gastronomía (showcookings, concursos de tapas, colaboración con restauradores, foros, xornadas e festivais gastronómicos específicos). Baixo o paraugas desta marca tamén se inclúe a recuperación do recetario tradicional de Pontevedra, o aproveitamento do Gastroespazo do Mercado de Abastos e a realización dun plan de enogastronomía. 

Tal e como apuntou o concelleiro do PSOE, “o primeiro requisito formal era a aprobación por parte da Xunta de Galicia no seu Consello de Goberno, o que aconteceu hai aproximadamente un mes, hoxe tocaba a aprobación pola Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra e de cara a final de ano agardamos poder asinar xa o convenio e empezar en 2023 coas accións planificadas”. “A final de ano celebrarase unha Comisión de Seguimento do Plan entre a Xunta, o Ministerio e cada un dos concellos afectados e aí teremos que planificar tódalas accións, que están previstas para os anos 2023 e 2024 e, polo tanto, en 2023 estarían iniciadas practicamente todas, unhas xa rematadas neste ano, porque son máis sinxelas, como é o caso do Observatorio Turístico, e outras que se prolongarían ata 2024, como é a continuación da Vía Verde. Neste caso, o que temos que decidir é que treito imos executar en función do orzamento: se é a conexión entre a Estación de Ferrocarril e a ponte sobre o Lérez ou a conexión da ponte co límite do concello de Barro”, engadiu o socialista.


Inminente inicio das obras de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o Lérez

Iván Puentes tamén tivo ocasión de anunciar outro enorme paso adiante na execución da estratexia Pontevedra Flúe: o inminente inicio do proxecto de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Lérez, no contorno da praia fluvial, para convertela nunha estrutura de tránsito peonil e ciclista e integrala na futura vía verde entre Vilagarcía e Pontevedra. A obra foi adxudicada á firma Elsamex cun orzamento de 185.130 euros, cofinanciado ao 80% pola UE con fondos Feder a través do Ministerio de Facenda do Goberno de España e nun 20% con fondos propios da Administración municipal.


Segundo apuntou o concelleiro, “a partir deste xoves comezará a empresa xa a desbrozar todo o contorno para comezar cos traballos previos desta actuación”, que consistirá nun tratamento de formigón sobre a ponte do ferrocarril, que reemprazará á pedra que a vía ten neste momento; na substitución da varanda actual para facer unha máis segura, e nunha dobre conexión da ribeira esquerda do río Lérez co contorno da praia fluvial: unha cun itinerario accesible a través dunha senda en zigzag cun pavimento de formigón máis brando (semellante ao que hai nas sendas fluviais), muros de mampostería e pedra para salvar os desniveis, conter as terras e pechar esa senda, e unha escaleira de madeira que subiría directamente desde a zona na que se atopan a cafetería e os baños da praia fluvial ata a cota da antiga vía ferroviaria nese mesmo punto.


“Prepararíase tamén a ponte para, precisamente co Plan de Sostibilidade Turística en Destino, poder acometer a baixada da senda cara á ruta de sendeirismo que vén pola outra marxe do río, pola marxe dereita, e a subida cara ao Mosteiro de San Bieito de Lérez”, matizou Puentes.


O contrato con Elsamex contempla ademais tres melloras valoradas en 11.260 euros:

1. O tratamento vexetal (desbroce e axardinamento con especies arbustivas) de todo o noiro existente entre a cota da vía e a da avenida de Bos Aires. 
2. A posibilidade de que, sobre eses muros de mampostería que marcarán a senda que ascenderá ata a cota da vía se instale unha pequena varanda que faga máis seguro o percorrido.
3. O tapiado provisional da boca do túnel pola que pasaba o tren para gañar en seguridade e desde o punto de vista paisaxístico.