A Policía Local retoma as charlas e roteiros de educación viaria nos centros escolares de Pontevedra

58
O obxectivo destas formacións, para nenos e nenas de sexto de primaria, é que coñezan o comportamento dos peóns e dos condutores na cidade, e as normas básicas de circulación 

O vindeiro luns, 7 de novembro, a Policía Local iniciará unha nova campaña de charlas e roteiros de educación viaria nos diferentes centros escolares de Pontevedra. É unha campaña que ten por obxectivo explicar as normas básicas de circulación, así como os comportamentos habituais de peóns e condutores dentro da cidade, amais de comentar a ordenanza municipal.

Estas ‘clases’ poden ser solicitadas por todos os colexios do municipio contactando coa Policía Local a través do correo evial@pontevedra.eu —cómpre dicir que xa o propio corpo de seguridade remitiu un comunicado a todos os centros—.

Seguindo a liña marcada con anterioridade, estas intervencións de divulgación e educación viaria teñen dúas fases: unha primeira, realizada no centro cunha charla explicativa a modo de exposición; unha segunda, práctica, na que como peóns ou condutores de bicicletas ou patinetes, as crianzas realizan un roteiro guiado.

Este roteiro pode mudar segundo o centro escolar, segundo a súa situación. Se o centro e os seus arredores conta cunha contorna segura con medidas de calmado de tráfico, a Policía Local optará por propoñer un percorrido que salga e volva ao colexio; se non é así, a opción escollida será a de saír desde as dependencias da Policía Local e facer un roteiro pola cidade.

Xa son varios os centros que solicitaron esta actividade promovida pola área de Protección e Seguridade Cidadá dirixida por Eva Vilaverde, como é o caso do Froebel, os Sauces, Barcelos ou o Parada de Campañó. Se ben estes colexios xa repiten, algúns solicitárono por vez primeira como os dous Sagrado Corazón —rúa Estrada e Praceres— ou a Xunqueira II.

O luns, dous centros recibirán as primeiras formacións teóricas. O Sagrado Corazón da rúa Estrada, ás 09.30 horas, e o Froebel, ás 12.30 horas. O martes, 8 de novembro, está prevista unha nova charla no de Barcelos ás 12.15; o mércores, 9 de novembro, no Parada de Campañó ás 09.30 horas e no Sagrado Corazón de Praceres ás 11.30 horas.