Benestar Social e Afapo impulsarán talleres de memoria destinados a persoas maiores de 55 anos en centros sociais das parroquias de Pontevedra

67
  • O proxecto pretende previr os danos cognitivos e fomentar o envellecemento activo dos maiores sen deterioración cognitiva diagnosticada e desenvolverase en grupos cun máximo de 15 participantes, traballando aspectos como estimulación cognitiva e física, memoria, linguaxe, escritura, cálculo, atención, reminiscencia ou funcións executivas

Cos obxectivos esenciais de previr a deterioración neuronal, fomentar o envellecemento activo dos nosos maiores e mellorar a súa calidade de vida, a Concellería de Benestar Social e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (Afapo) impulsarán uns talleres de memoria nas parroquias de Pontevedra. Estes obradoiros, que se desenvolverán en centros sociais, estarán dirixidos a persoas maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa e desenvolveranse en grupos cun máximo de 15 participantes, traballando aspectos como a activación das funcións neuronais e funcionais a través de actividades como a estimulación cognitiva e física, a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia, as gnosias, as praxias e as funcións executivas.


A colaboración institucional foi anunciada esta mañá no marco dun encontro que o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, mantivo no centro terapéutico de Afapo (rúa da Curtidoira, 3, baixo) co seu presidente, José Manuel Fontenla, e outros membros da súa directiva, e no que o edil socialista tamén coñeceu a varios usuarios e a persoal da asociación. Rey subliñou “o importante papel que o envellecemento activo xoga á hora de afrontar a senectude e previr as enfermidades neurodexenerativas e a deterioración das capacidades psicofísicas nestas etapas”, o que fai fundamental poñer en marcha “medidas de protección e autocoidado para manter ás persoas maiores de xeito independente e autónomo o maior tempo posible”. 


“O Alzhéimer -lembrou o concelleiro- é unha enfermidade primaria, dexenerativa e de carácter progresivo, que afecta ás células cerebrais, causando a morte progresiva das neuronas. Para frear ou mitigar dita progresión, ademais do tratamento farmacolóxico, resulta de vital importancia a intervención terapéuticca e cotiá, traballando aspectos como a psicomotricidade, a estimulación cognitiva, a laborterapia… Neste sentido, os talleres de memoria supoñen a principal actividade da prevención de enfermidades neurodexenerativas. A intención é que o proxecto se poña en marcha a partir de xaneiro de 2023”.


Os obradoiros levaranse a cabo distintas técnicas e traballos grupais que axudarán a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo. Antes de dar comezo aos talleres, a traballadora social de Afapo informará do proxecto a tódalas persoas interesadas e unha psicóloga realizará unha valoración cognitivo-funcional para descartar a posibilidade dunha deterioración cognitiva sen diagnosticar a través de diversos test: min-exame cognitivo de Lobo (que valora as alteracións cognitivas do paciente), test do reloxo de Battersby, Bender, Pollack e Kahn (onde se avalía de xeito rápido o estado cognitivo do paciente, as funcións visoperceptivas, vasomotoras e visoconstrutivas, planificación e execución motora) e test das fotos de Canero Pardo e Montoro Ríos (que avalía a memoria inmediata, o recordo, a denominación e a fluidez verbal).


Entre os resultados que se agardan obter con estes talleres de memoria inclúense os seguintes: activar as funcións neuronais e funcionais mediante a realización de diferentes actividades como a estimulación cognitiva e física; reducir os factores de risco e da propia enfermidade; promover espazos de encontro e intercambio de experiencias; potenciar a independencia dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade; concienciar á sociedade sobre a importancia de estar activos para evitar así a aparición de enfermidades neurodexenerativas; potenciar as relacións sociais, e proporcionar técnicas para maximizar o grao de independencia e participación nas actividades da vida diaria.


Afapo naceu o 19 de febreiro de 2004 ante a necesidade de atender as demandas dun grupo de familiares afectados polas consecuencias do Alzhéimer. Na actualidade, é un referente na atención a persoas con demencia da localidade de Pontevedra, con 465 socios/as, atendendo de forma directa a 120 usuarios nas diferentes actividades programadas pola entidade.