Comeza a reforma integral do Matadoiro de Ponte Sampaio coa substitución da envolvente da cuberta

34

O Concello executará por fases unha reforma completa do edificio que se emprega como Local Social. 

Esta actuación súmase a outras xa iniciadas ou rematadas recentemente na parroquia como a mellora do acceso ao Local Social do Rañadoiro ou a ampliación da área infantil da Xunqueira de Ponte Sampaio. 

O Concello de Pontevedra segue adiante coa mellora das instalacións públicas na parroquia de Ponte Sampaio. Á ampliación da área infantil da Xunqueira e á reforma do acceso ao local social do Rañadoiro, súmase agora a rehabilitación integral do antigo Matadoiro da parroquia, reconvertido en local social dende hai anos.

Nesta semana iniciouse esta reforma que se irá executando por fases. A primeira parte é a substitución da envolvente da cuberta xa que a instalación tiña problemas de humidades importantes, que facían difícil o seu uso no inverno. A reparación da cuberta supón un investimento de 39.632,19 euros.

A continuación seguirase con outras melloras tanto no interior como no exterior do edificio.

O Matadoiro de Ponte Sampaio construíuse entre os anos 1952-1953, na Ballota, nos espazos gañados á ría, mentres Ponte Sampaio aínda era Concello independente de Pontevedra. Logo de deixar o seu uso, o Concello de Pontevedra puxoo a disposición da cidadanía para se empregase como Local Social.