O anteproxecto para a reforma do Pavillón Municipal buscará financiamento a través dos fondos do PIREP

48
A rehabilitación do edificio respectará e traerá até o presente o proxecto orixinal de Alejandro de la Sota, premio nacional de arquitectura no seu momento
A infraestrutura municipal contará no futuro cunha eficiencia enerxética e un illamento térmico moi superior, xunto con paneis solares que lle abrirán a porta ao autoabastecemento eléctrico 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Tino Fernández, presentaron esta mañá o proxecto de reforma do Pavillón Municipal dos Deportes. Estiveron acompañados da concelleira Anabel Gulías e do arquitecto municipal, Ángel Velando.

O rexedor da cidade presentou un anteproxecto que é presentado como a cuarta gran reforma deste complexo deportivo «que necesita e precisa unha fonda remodelación». O arquitecto encargado do anteproxecto é José Ramón Garitaonaindia de Vera, anteproxecto que conta cun orzamento de 2.942.327,32 euros e que será presentado á segunda fase dos fondos do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Público (PIREP). 

«Esta é unha remodelación que ten que ser e debe ser respectuosa co proxecto orixinal de Alejandro de la Sota, e así estamos en contacto coa súa fundación», explicou o alcalde. «É evidente que as necesidades dun pavillón de deportes de agora e un dos anos sesenta, pero respectaremos ese proxecto orixinal que foi premio nacional de arquitectura. Ademais, resolveremos un problema fundamental que vén da man do consumo enerxético, apostaremos polas enerxías renovábeis, e eliminaremos a pegada de carbono utilizando paneis solares».

Na práctica, a futura reforma refará as cubertas laterais para adaptar o proxecto ao orixinal ideado por De la Sota, buscando asemade a eficiencia enerxética. Actuarase na envolvente do edificio feito en formigón prefabricado, refacendo a fachada, que manterá a súa estética pero erá máis eficiente a nivel térmico.

Tamén serán cambiadas as carpinterías exteriores de todas as ventás e portas, procurando a rotura da ponte térmica e empregando cristais de baixas emisións. Serán instalados paneis solares na cuberta que permitirán o autoabastecemento, mais tamén xerarán un excedente enerxético para outras instalacións municipais. Por último, serán renovadas as instalacións interiores, que pasarán a contar cunha bomba de calor e cun sistema pasivo de aire, ademais dunha renovada instalación eléctrica, de auga sanitaria e outros novos servizos.

Tal e como indicou o edil de Deportes, Tino Fernández, este proxecto é un paso novo á hora de afondar no modelo de cidade de Pontevedra, onde «o deporte é un referente». «O deporte pode ser ese exercicio, esa actividade física profesional e amateur, mais tamén pode ser un símbolo desta cidade, ese movemento que facemos á hora de camiñar, ademais do recoñecemento internacional que temos á hora de organizar eventos deportivos de todos os niveis».

Fernández sinalou que á de día de hoxe o deporte é un dos principais motores económicos da cidade, «e nada nos para neste eido». O novo proxecto de reforma para o Pavillón Municipal é unha mellora substancial dentro das infraestruturas deportivas da cidade, que se suma a outras accións que foron realizadas ao longo dos últimos anos dentro da Boa Vila e as súas parroquias.

O proxecto será presentado á segunda fase do PIREP xunto co proxecto do Teatro Principal e o Pazo da Cultura, nomeados xa no seu día. Namentres non é concedida a subvención, o Concello continuará traballando no proxecto construtivo, á espera deses fondos, que se combinarán cos fondos propios para facer a remodelación. 

O alcalde fixo fincapé en que unha vez comece a reforma tentarase por todos os medios que esta se faga respectando na maior medida do posíbel a actividade deportiva do mesmo edificio.