O Concello de Pontevedra continuará a mellorar a calidade da vida das persoas poñendo o foco na contaminación acústica

49
O último informe de Ecoloxistas en Acción indica que a Boa Vila é a única cidade galega que neste 2022 respirou un aire que non estaba contaminado por ozono troposférico
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que serán demandadas medidas para evitar o ruído do tren e da autoestrada ao seu paso pola cidade 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá para valorar o último informe publicado por Ecoloxistas en Acción, que leva por título La contaminación por ozono en el Estado español durante 2022.

O informe subliña que só os cidadáns de dúas capitais españolas, Pontevedra e Logroño, respiraron durante todo o ano 2022 un aire que non estaba contaminado por ozono troposférico. Deste xeito, a Boa Vila sería tamén a única cidade da Galiza que pode facer ser incluída dentro de tal afirmación.

O rexedor da cidade sinalou que este dato non é «unha casualidade» e vén derivado «dunha decisión tomada hai moito tempo para facer unha cidade diferente, unha cidade de altísima calidade de vida e pensada para as persoas». «Pontevedra sae resaltada no informe de Ecoloxistas en Acción, cumprindo uns parámetros moi restritivos como son os da OMS. Este feito responde a unha decisión de mellorar a saúde dos pontevedreses e das pontevedresas e que se vén a unir a outros datos importantes como é o avance na visión cero da violencia viaria —ningún morto por violencia viaria nos espazos urbanos nos últimos once anos e unha redución drástica dos accidentes graves— ou coa recuperación do espazo público, reducir o tráfico innecesario na cidade».

Neste sentido, Fernández Lores lembrou que Pontevedra foi unha das poucas cidades que durante a desescalada de medidas na pandemia, naqueles primeiros intres após o confinamento inicial, non tivo que tomar medidas «a correr» ou de urbanismo táctico para que os cidadáns puideran saír á rúa nunhas condicións óptimas.

«Pontevedra vén facendo un proxecto global que ten efectos moi positivos en cuestións tan importantes como a saúda das persoas ou a loita contra o cambio climático», sinalou o alcalde. Seguindo este camiño, o Concello quere especificar que aplicará novos esforzos na loita contra o ruído, contra a contaminación acústica.

«O ruído, ao igual que outros elementos, é un contaminante urbano e hai que tomar medidas para palialo», explicou Fernández Lores. «O ruído pode producir molestias, mesmo mortes pola elevación da hipertensión, da diabetes… Está estudado e constatado. Temos avanzado moito nese sentido, como foi a eliminación do tráfico de vehículos innecesario, mais quedan cousas por facer».

O Concello ten localizados tres focos importantes de ruído urbano: a fábrica de ENCE, o tren ao seu paso pola cidade e a autoestrada (AP-9) ao seu paso pola vila.

Sobre o tren, o alcalde indicou que xa foron tomadas medidas, soterrándose en varios tramos e instalando barreiras como é o caso de Loureiro Crespo, a petición e demanda do mesmo Concello. Tamén hai demandas a xestora da autoestrada para que poña barreiras en determinadas zonas, «e así seguiremos traballando».