Os mellores skaters de Galicia exhibirán os seus ‘trucos’ máis espectaculares nunha parada do Circuíto Galego de Rampla decisiva para decidir o campionato autonómico

283
  • A proba celebrarase este domingo 30 de outubro nas instalacións de Urban Culture Factory entre as 12:00 e as 19:30 horas e contará coa participación duns 50 riders de categorías sub-7, sub-10, sub-15 e sub-18, entre os que figuran xoves estrelas do skate como Valentina Planas e José Luis Corbacho

Os mellores skaters de Galicia exhibirán os seus ‘trucos’ máis espectaculares este domingo 30 de outubro nas instalacións de Urban Culture Factory (avenida das Corvaceiras, 44) na 4ª e última Parada do Circuíto Galego de Skate en Modalidade de Rampla, que resultará decisiva para decidir o campionato autonómico: dela sairá o nome do campión galego (tamén en función das puntuacións obtidas nas anteriores). A proba, organizada pola firma especializada e a Federación Galega de Patinaxe en colaboración coa Concellería de Deportes, desenvolverase en horario de 12:00 a 14:00 horas (adestramentos) e de 15:00 a 19:30 horas (competición), en grupos ou ‘heats’ de 5 riders de categorías sub-7, sub-10, sub-15 e sub-18, e contará cuns 50 competidores, entre os que figuran xoves estrelas do skate como Valentina Planas e José Luis Corbacho.


O evento foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o responsable de Urban Culture Factory, Toño Escudero, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen lembrou que o do skate “é un dos deportes que está a experimentar un maior crecemento exponencial durante os últimos anos, cun enorme arraigamento entre a poboación de tódalas idades, xa que hoxe en día podemos atopar desde rapaces moi novos ata persoas máis formadas practicando as diferentes modalidades”. Segundo subliñou, “nós estamos honrados de poder acoller este tipo de probas, xa que Pontevedra é unha cidade que ten a organización de eventos e o turismo deportivo como un dos piares do seu crecemento económico e que aposta pola práctica da actividade física como elemento para mellorar a vida e a saúde das persoas e para formala nuns determinados hábitos”.


“O skate, que comezou sendo un deporte de rapaces moi xoves, vense consolidando como unha actividade que abrangue todo tipo de idades e xeracións e, polo tanto, é moi importante para nós fomentar estas disciplinas que teñen esa ‘coletilla’ de deportes minoritarios, pero que en realidade non o son tanto se vemos como van crecendo ano a ano en participación e tamén xeración de resultados magníficos para Pontevedra e para Galicia. É unha honra e un orgullo para nós poder acoller esta proba que estamos seguros de que será un éxito e, como sempre, traballaremos para ter probas de maior nivel no futuro. Non nos gusta organizar probas illadas, senón crecer chanzo a chanzo e manter relacións estables coas federacións e cos clubs”, sinalou Tino Fernández.

Tal e como apuntou Toño Escudero, esta proba “é unha parada do Circuíto que vimos disputando durante todo o ano as diferentes escolas de skate de Galicia nas modalidades de Rampla e de Street (as instalacións de Urban Culture contan con ramplas de madeira adaptadas para competición)” e nela participarán “riders como José Luis Cabarcos e Valentina Planes, da Coruña, que xa están a participar en niveis nacionais con moi bos postos, pratas e bronces, e mesmo con espónsores internacionais de skate”. Escudero indicou que se trata dun deporte “moi igualitario, que non fai diferencias entre sexos” e fixo fincapé no esforzo que adestradores e pais fan para que poida practicarse, xa que “campos de fútbol hai moitos en Galicia, pero pistas de skate son máis complicadas de atopar”.


“Non podemos esquecer que é un deporte olímpico desde o ano pasado -afirmou o responsable de Urban Culture- e que no equipo olímpico español hai unha patinadora galega moi xove, que participou nas Olimpíadas de Tokio, que é Julia Benedetti. Aquí teremos a prodixios como Valentina Planas e José Luis Cabarcos, que igual dentro duns anos tamén o poderemos ver no máis alto nivel. Aquí en Pontevedra temos a Andrés Pece, pertencente á nosa escola, ao que estivemos a piques de enviar a unha proba nacional. O camiño é ese, o de ir sementando pouco a pouco, contando coa mellora das instalacións. Nós levamos abertos dous anos e medio e temos unha boa ratio de alumnos na escola, non nos podemos queixas: abrimos con 60 ou 70 alumnos e seguimos crecendo. O ano pasado pechamos cuns 110 alumnos de tódalas idades, desde nenos de 4 anos ata un adulto de 52 anos. Non hai idade, é un deporte de psicomotricidade, equilibrio e disciplina”.


Aínda que non se trata dunha proba aberta ao público propiamente dita (salvo no que atinxe a pais e adestradores), a Urban convida a aqueles que queiran pasarse a facelo preferentemente no horario de adestramentos (12:00 a 14:00 horas).