O presidente da Xunta confírmalle ao alcalde que a variante de Alba «non é unha prioridade» para a administración autonómica

68
A entidade autonómica comprometeuse a apoiar a rehabilitación e posta en valor de Santa Clara unha vez avancen os estudos e proxectos para tal fin
Miguel Anxo Fernández Lores indicou que «cando técnicos e políticos chegan a entendementos os proxectos melloran no seu resultado final» 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda. Na xuntanza tamén participaron o concelleiro e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López; e tivo como fin tratar os diferentes proxectos recollidos —ou non— nos orzamentos da administración autonómica.

A reunión desenvolveuse nun ton cordial e colaborativo, alén de calquera petición que non chegase a ser compartida por ambas as dúas partes, prevalecendo a lealdade institucional entre as dúas administracións.

O rexedor da cidade comentou sobre o encontro que foi unha xuntanza «sen présa, onde deu tempo a tratar todos os temas que teñen interese para o Concello e para a Xunta» e indicou que houbo «un respecto polos posicionamentos de cada un». «É obvio que non estamos de acordo en todo e hai algunhas cousas que me preocupan (á hora de non poder ter a mesma visión)».

REUNIÓN PRESIDENTE XUNTA89
Lores, durante as declaracións aos medios.

Fernández Lores lamenta que o tema definido como «tema estrela» por parte do Concello, e que pon a variante de Alba en primeiro plano,  non teña un oco de seu dentro dos plans da Xunta para Pontevedra. «Non compartimos este posicionamento, e cremos que é unha responsabilidade súa e que algún día a terán que facer, pois é unha necesidade imperiosa para as infraestruturas de Pontevedra ao rematar esa circunvalación de Pontevedra interior, conectando todas as parroquias».

Doutra banda, outro dos temas tratados foi a estación intermodal, proxecto que vai con atraso «pero que é perfectamente entendible porque nos pasa a todas as administracións coas obras que temos execución». A Xunta confirmou que estará rematada antes de que remate o ano. «É unha obra da que resalto o entendemento que houbo entre as dúas administracións, algo que beneficia o resultado final».

 O alcalde confirmou que a Xunta non ten inconvinte por parte da Xunta en que a coñecida como antiga estrada de Bora pase a competencia municipal co fin de actuar no colexio de Pío-Bora. Neste eido, no traspaso de competencias, Rueda sinalou o compromiso da Xunta á hora de consultar e permitir que a PO546 (a estrada vella de Marín) pase a ter titularidade municipal nalgún intre. «Sería interesante, nese sentido, chegar a un acordo do proxecto que se realizará en toda a estrada antes de ocuparnos do seu mantemento, chegado o día. É un paso adiante importante, por suposto. A idea que queda clara é que cando técnicos e políticos nos poñemos de acordo os proxectos saen mellor». Tamén foi transmitida a necesidade de actuar na estrada de Campolameiro ao seu paso por Lérez e no núcleo de centralidade de Marcón.

Sobre a desafección das parcelas da Xunta na xunqueira da Gándara, o Concello entende que a ocupación estaría rematada desde o punto de vista de Costas e que outras administracións xa van liberar os espazos que aquí utilizaban. «Creo que podemos chegar a acordos se atopan alternativas, que deben ser buscadas, e, en todo caso, unha administración debe devolver o terreo ao seu estado natural».

No referido ao Hospital de Montecelo, o presidente da Xunta trasladoulle ao alcalde que tralo remate das obras do novo edificio, comezará unha reforma do antigo edificio, polo que algúns servizos serán situados no centro da cidade, no Hospital Provincial. «Durante certo tempo semella que este equipamento seguirá tendo uso, mesmo durante cinco anos segundo a información que nos trasladaron hoxe. Nese sentido, nos cremos que este espazo debe manter no tempo algún tipo de uso socio-sanitario e agardamos que así continúe. Esperaremos a que se vaia avanzando e ver como se toman as decisións», sinalou o alcalde.

Por último, o alcalde destacou o compromiso da Xunta para con Santa Clara, indicando que «entende a importancia para a cidade deste edificio» e que ofrecerá o seu apoio para a rehabilitación do convento como novo espazo para o Museo de Pontevedra. «Santa Clara ten que contar coa colaboración da Xunta, tal e como de xeito histórico, se fixo co Edificio Castelao. Hai ese compromiso, unha vez se saiba que se pode avanzar, unha vez que avance o proxecto; pero hoxe a Xunta confirmou a súa intención e compromiso de colaborar coa súa recuperación e posta en valor».

REUNIÓN PRESIDENTE XUNTA87
Un dos intres previos antes do comezo da reunión.