Marcos Rey coñece aos sete beneficiarios do Programa de Adquisición de Autonomía e Habilidades Sociais e Persoais desenvolvido por Down Pontevedra Xuntos en colaboración coa Concellería de Benestar

66
  • As actividades formativas deste proxecto, orientado a dotar a persoas con discapacidade intelectual dos apoios necesarios para aumentar a autonomía en tódolos ámbitos da vida, están dirixidas a rapaces e rapazas cun certificado de discapacidade no que conste un grao superior ou igual ao 33% e que están en etapa educativa (con idades comprendidas entre os 8 e os 21 anos)

Laura, Marcos, Martín, Daniel, Javier, Paula e Antón. Son os nomes dos sete beneficiarios do Programa de Adquisición de Autonomía e Habilidades Sociais e Persoais que a asociación Down Pontevedra Xuntos desenvolve grazas á colaboración do Concello, algúns do cales o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, puido coñecer en persoa esta tarde, xunto con algúns dos seus familiares, nunha visita ás instalacións do colectivo (rúa do Gorgullón, 41).

 
O encontro, no que tamén participaron o presidente de Xuntos, Manuel Pérez; Olalla Cobos, técnica do programa, e Paula Villaverde, coordinadora da entidade, serviu para poñer de manifesto a importancia e satisfacción cunha iniciativa que pretende dotar a persoas con discapacidade intelectual dos apoios necesarios para aumentar a autonomía en tódolos ámbitos da vida (persoal, social, educativo e familiar), traballando aspectos físico, afectivo, cognitivo, comunicativo, social e de inclusión escolar. Tal e como explicou Marcos Rey, “as actividades formativas deron comezo este mesmo mes e están dirixidas exclusivamente a rapaces e rapazas cun certificado de discapacidade no que conste un grao superior ou igual ao 33% que estean en etapa educativa (con idades comprendidas entre os 8 e os 21 anos) e que non teñan un recurso en asociacións existentes en Pontevedra ou concellos limítrofes”. “Desenvolveranse tódolos luns, en horarios de 16:30 a 18:00 e de 18:00 a 19:30 horas (dous grupos distintos, un de tres rapaces e rapazas e outro de catro), combinando adestramento na aula con prácticas na rúa”.


Con este programa preténdese previr a dependencia, mediante a prestación dos apoios estritamente imprescindibles e creando aquelas oportunidades necesarias para que os usuarios poidan formar parte de comunidade, seguindo sempre criterios de normalidade. A adquisición das habilidades parte de actividades sinxelas, que se fan máis complexas en función da idade e da competencia persoal dos participantes, traballándose de xeito específico aquelas áreas nas que a persoa precisa mellorar, diminuíndo os niveis de dependencia persoal e axudando a potenciar a inclusión social.


Entre os obxectivos específicos do programa inclúense:


– Mellorar a capacidade de comunicación, que posibilite a participación en conversas, e as habilidades para a interacción social.

– Mellorar o coñecemento do entorno habitual e próximo, adquirindo e desenvolvendo as condutas necesarias para desprazarse segundo necesidades concretas.

– Potenciar o coñecemento e utilización de mecanismos axeitados para dar e obter información sobre servizos e actividades da comunidade.

– Mellorar o desenvolvemento da autonomía no fogar, aprendendo a realización de múltiples tarefas, secuenciadas en pequenos pasos para facilitar a súa aprendizaxe e potenciar a autorregulación das mesmas.

– Intervir coas familias das persoas usuarias do programa.- Medir a satisfacción dos axentes implicados no programa.


Os seus contidos son os seguintes:


1. Autonomía persoal e social: esta área ten como finalidade que o/a usuario/a adquira repertorios de conduta que lle axuden a asistir, participar e integrarse na comunidade, mellorando a capacidade de comunicación que posibilite a participación en conversas e as habilidades para a interacción social necesarias para establecer e manter relacións interpersoais.
Actividades: identidade; responsabilidade da saúde, hixiene e vestido; actuación ante imprevistos; habilidades sociais básicas; habilidades sociais de relación e comunicación; habilidades afectivo sexuais; habilidades socio-laborais; etc.


2. Autonomía urbana e na comunidade: nesta área, a finalidade é que o/a usuario/a coñeza o seu contorno habitual e próximo, adquira e desenvolva as condutas necesarias para desprazarse segundo as súas necesidades concretas; coñeza e utilice mecanismos apropiados para dar e obter información sobre servizos e actividades da comunidade; e adquira outras destrezas da vida cotiá na comunidade.
Actividades: desprazamento autónomo e no transporte público; manexo dos servizos; manexo da información; etc.


3. Autonomía doméstica: a finalidade desta área é que o/a usuario/a desenvolva a súa autonomía no fogar aprendendo a realización de múltiples tarefas, secuenciadas en pequenos pasos para facilitar a súa aprendizaxe e potenciar así a autorregulación da propia actividade.
Actividades: responsabilidade nas tarefas do fogar; alimentación; etc.


4. Habilidades instrumentais básicas: transversalmente traballaranse todas aquelas habilidades instrumentais básicas que son necesarias para a participación na comunidade, de xeito totalmente práctico e significativo para a actividade.
Actividades: manexo do euro; orientación temporal-espacial; manexo das novas tecnoloxías; etc.