O Outubrofest regresa á Praza de España entre os días 28 de outubro e 1 de novembro con litros da mellor cervexa, música en directo, sesións ‘wermout’, deliciosas salchichas e codillo e a incorporación de opcións veganas e sen glute

335
  • O evento organizado polo Pontevedra Rugby Club en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo, destinado a recadar cartos para financiar os gastos xerais e desprazamentos do club, abrirá ao público en horario de 12:00 a 00:00 horas e inclúe no seu programa actuacións de DJ e o grupo Freakoustic e un concurso de disfraces de Halloween

Chegan as primeiras borrascas ás Rías Baixas e existen poucos lugares mellores para refuxiarse da choiva que a carpa na que, entre o venres 28 de outubro e o martes 1 de novembro, se celebrará o Outubrofest 2022. Esta nova edición da festa bávara por antonomasia, organizada na Praza de España polo Pontevedra Rugby Club (PCR) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo, ofrecerá, en horario ininterrompido de 12:00 a 00:00 horas, litros da mellor cervexa, música en directo, sesións ‘wermout’ amenizadas por DJ, deliciosas salchichas e codillo e, como novidade, mesmo opcións gastronómicas veganas e sen glute.


Uns días de celebración que coinciden no calendario co Samaín e que tamén inclúen no seu programa un concurso de disfraces de Halloween. O evento, nado co principal obxectivo de financiar os gastos xerais do PCR, principalmente os destinados a desprazamentos (ao competir en liga autonómica deben moverse por toda Galicia e dispoñer de autobuses facilita que tódalas familias e xogadores/as poidan participar sen un gasto tan elevado), foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o presidente do club pontevedrés, Alberto Fernández ‘Grifón’; a súa secretaria, Cristina Lorenzo, e Noelia Acuña, representante do equipo sénior feminino e membro na directiva renovada o pasado ano, acompañados de membros do plantel.


Segundo explicou a concelleira do PSOE, “o Outubrofest, que tamén ten un obxectivo social, xa que nel participa todo o club, fomentando a cohesión e o traballo en equipo, chega nunhas datas nas que todos precisamos un ‘chute’ de ledicia, optimismo, diversión e música, sempre, claro está, co bandullo ben alimentado e regado do mellor elixir de orxo”. “O menú gastronómico abrangue salchichas Frankfurt e Bratwurst normais, de medio metro e dun metro (con opcións veganas e sen glute, como principal novidade este ano) e o tradicional codillo asado en forno de leña, ben regados con Paulaner rubia, tostada e de trigo, e tamén con opcións sen alcol e sen glute. Fíxose un enorme esforzo para trata de manter na medida do posible os prezos de edicións anteriores, oscilando entre os 3 € dos perritos (o prezo mantense) ata os 13 € da salchicha xigante dun metro acompañada de chucrut ou ensalada. O medio libro de cervexa rubia e de trigo sairá a 4 € e o de tostada a 5 €, mentres que o litro das primeiras venderase a 7 € e o da tostada a 8 €”, avanzou Yoya Blanco.


O programa contempla o desenvolvemento de sesións ‘wermout’ (facendo un guiño ao alemán, pero con vermú galego), con música en directo ao mediodía.


Tal e como sinalou Yoya Blanco, “xusto o 28 de outubro cumpro 50 anos, polo que irei seguro a tomar unha birra para celebralo coa mellor cervexa, comida e música”. “Estou moi contenta e especialmente emocionada con que o Outubrofest regrese á Praza de España, xa que teño moitas vivencias persoais alí. E máis aló de que nos divertamos moitísimo nesta festa, tamén facemos un labor tan importante como axudar a un equipo de rugby da cidade que precisa de financiamento para as súas viaxes e para tantas cousas, polo que animo a todo o mundo a pasarse pola carpa”, asegurou Blanco.


“Unha escusa estupenda para achegarse a Pontevedra, comer aquí, compartir en familia e saír a coñecer a incrible hostalería que temos”


O presidente do PCR expresou que “esta festa implica un sentido de pertenza que temos coa nosa cidade” e supón “unha escusa estupenda para achegarse a Pontevedra, comer aquí, compartir en familia e saír a coñecer a incrible hostalería que temos nunha cidade volcada coa gastronomía de calidade, precisamente nunhas datas que historicamente non son das mellores para a hostalería”. “Somos unha escusa perfecta para que, cando nós pechemos ás doce da noite, as rúas estean cheas de xente que queira seguir desfrutando e coñecendo a nosa cidade. Queremos darnos a coñecer e que a xente saiba a cantidade enorme de familias que cren que esas horiñas que os seus nenos e nenas pasan con nós os axudan a ser mellores persoas. A nosa idea é que os cidadáns poidan comer en familia con nós por un prezo máis que asequible”, afirmou Alberto Fernández.


Fernández lembrou que, seguindo a filosofía do Outubrofest, “sempre damos un premio a unha escola ou club da cidade que non teña nada que ver co noso, para que todo o mundo entenda, e as nosas familias tamén, que as nenas e os nenos deben estar abertos a mil deportes, e neste ano queriamos facer un guiño a un dos deportes máis emblemáticos da cidade, probablemente o que máis alegrías internacionais nos deu, que enche o noso río de homes, mulleres, nenas e nenos nas súas piraguas: durante os dous anos de pandemia, o Club Naval de Pontevedra foi unha axuda fundamental para nós”. “O PCR -engadiu- conseguiu por primeira vez na historia do rugby pontevedrés chegar a División de Honra Feminina. Era unha aventura complexa e eles axudáronnos desde o principio, porque teñen esa experiencia de transitar pola alta competición e polas competicións de carácter nacional. Por iso queremos, ademais de recoñecer a un club, unha escola e un deporte tan importante como o piragüismo, tamén dar ese agarimo que eles non deixaron de darnos unha man nesa aventura incrible nunha época na que practicamente todo o tiñamos que facer por teléfono ou por vía informática. Agardemos que dentro duns anos poidamos ver de novo a mulleres pontevedresas xogar no máximo nivel do rugby español. Este ano a Escola de Piragüismo do Club Naval de Pontevedra será a nosa convidada o domingo 30 de outubro para comer e celebrar con nós e para recibir o Premio Máis que Rugby”.


Esta é a programación completa do Outubrofest 2022:


Venres 28 de outubro

12.00h Apertura de carpa

13.00h Inauguración oficial autoridades

00.00h Peche 


Sábado 29 de outubro

12.00h Apertura de carpa

13.00h Sesión ‘wermout’ a cargo de Freakoustic

00.00h Peche

 
Domingo 30 de outubro

12.00h Apertura de carpa

13.00h Entrega premio Máis que Rugby á Escola de Piragüismo do Club Naval de Pontevedra

13.30h Sesión ‘wermout’ con DJ

00.00h Peche


Luns 31 de outubro. Halloween

12.00h Apertura de carpa

13.30h Sesión ‘wermout’ con DJ

20.00h Concurso disfraces Halloween

00.00h Peche

Martes 1 de novembro. Día das familias

12.00h Apertura de carpa

13.30h Sesión ‘wermout’ con DJ

21.00h Despedida e peche