O alcalde reunirase co presidente da Xunta o vindeiro martes para transmitirlle os proxectos que Pontevedra precisa

5
A variante de Alba, o novo hospital de Montecelo, melloras na seguridade viaria nas estradas, o dragado da ría ou a futura rehabilitación de Santa Clara serán algúns dos asuntos tratados 
A xuntanza será celebrada na mañá do 25 de outubro e o rexedor da cidade estará acompañado do edil de infraestruturas César Mosquera 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá para dar conta da Xunta de Portavoces celebrada a primeira hora. Alén dos asuntos tratados durante esta e sinalar os que irán a pleno o vindeiro luns, 24 de outubro, o rexedor quixo adiantar e informar dos asuntos que abordará xunto co concelleiro César Mosquera, na reunión que ten programa co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o 25 de outubro.

«Nas vindeiras horas será remitido o dossier composto polos temas que queremos tratar na reunión que teremos o vindeiro martes», explicou o alcalde. «Os antecedentes que temos en reunións semellantes con presidentes anteriores non son bos, pero nós sempre iremos con toda a disposición do mundo para chegar a acordos en beneficio de Pontevedra, tal e como sempre fixemos. Invitaremos, ademais, o presidente a visitar o Concello, cousa que fixemos con todos os presidentes».

O rexedor aproveitou a ocasión para lembrar ou facer fincapé nalgúns dos temas que serán tratados nesta xuntanza institucional. Un destes será, de novo, a variante de Alba. «Quero tratar de convencelo de que este é un proxecto que ten que ser executado, unha demanda necesaria desde hai moitos anos. Foi xa un tema acordado no seu día, un compromiso que a Xunta fixou no seu día e que só queremos velo cumprido».

Doutra banda, outro dos temas tratados será a realización dun seguimento do convenio asinado para a construción do novo hospital de Montecelo. «Preocúpanos especialmente saber que vai pasar co Hospital Provincial, queremos coñecer as previsións da Xunta para este edificio e que terá que ser dedicado a algo concreto», sinalou Lores. «Nós somos partidarios de manter este tipo de equipamentos con algún uso e pensamos que debería ser un hospital de crónicos. Hai moita xente que precisa tratamentos deste tipo e habería que poñer sobre a mesa esta opción. Queremos saber a súa opinión, ao igual que saber que acontecerá coa Casa da Mar. Non podemos deixar equipamentos baleiros durante anos, como xa pasou co edificio de Benito Corbal».

O dragado da ría, as actuacións de mellora de seguridade viaria nas estradas PO-542, PO-223 e PO-546; ou a futura rehabilitación de Santa Clara logo da súa incorporación ao Museo de Pontevedra son outros dos temas que serán tratados durante a conversa institucional entre o alcalde e o presidente.

«Nós non cremos nos gobernos amigos nin inimigos», sinalou o alcalde. «A nosa experiencia é que non hai gobernos amigos nin inimigos, o que hai é unha boa ou mala xestión, leal ou non entre administracións, na que se atenden demandas razoábeis que son as que facemos. Non estamos pedindo un Guggenheim, temos perfectamente definido o que precisamos en infraestruturas e equipamentos culturais e deportivos, e sabemos as limitacións das administracións, non pedimos cousas imposíbeis. Queremos compromisos que sexan executábeis e agardo que as nosas peticións se teñan en conta».