A Vida é Movernos une forzas con Adicam para fomentar a prevención do cancro de mama polos barrios e parroquias de Pontevedra a través do programa Apálpate

23
  • A iniciativa, presentada co gallo do Día Mundial do Cancro de Mama, traducirase en charlas sobre autoexploración mamaria e prevención de cancros xinecolóxicos que se desenvolverán en Monte Porreiro, Ponte Sampaio, O Burgo, Marcón, A Parda, Lourizán, Lérez, Campañó, O Gorgullón e San Roque

A Concellería de Deportes e Saúde, a través do proxecto A Vida é Movernos, decidiu unir forzas coa Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico (Adicam) na iniciativa Apálpate, un programa de charlas divulgativas destinado a fomentar a prevención do cancro de mama entre as mulleres de diversos barrios e parroquias de Pontevedra. A proposta traducirase no desprazamento dun grupo de colaboradoras coordinadas pola traballadora social de Adicam ás sedes de diferentes entidades e asociacións para ofrecer relatorios sobre autoexploración mamaria e prevención de cancros xinecolóxicos, con tódolos medios técnicos necesarios e a participación de mulleres do noso concello.


As charlas poranse en marcha este venres 21 no centro cultural de Monte Porreiro e desenvolveranse ao longo de outubro e novembro nos locais sociais e parroquiais de Ponte Sampaio, O Burgo, Marcón, A Parda, Lourizán (Casa do Mercado), Lérez, Campañó (antigo preescolar), O Gorgullón e San Roque, sempre en sesións de tarde, en horario de 18:00 a 20:00 horas. Terán entrada de balde e están pensadas para grupos pequenos de mulleres, de xeito que se poidan establecer grupos de confianza nos que poidan expresar as súas dúbidas e inquedanzas, promovéndose a asistencia de mulleres maiores e novas.


O programa Apálpate foi presentado esta mañá no Concello de Pontevedra, coincidindo co Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, nun acto de presentación no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Saúde, Tino Fernández; a psicóloga de Adicam Vanesa Parada Alfaya, e maila directiva do colectivo María Jesús Rodríguez Ramallo. Tal e como lembrou o edil socialista, “hai xa máis dun ano iniciamos un proxecto que se chama A Vida é Movernos, que ten entre os seus obxectivos o de fomentar hábitos de vida saudables e loitar contra a depresión, a ansiedade e a tristeza, a través de talleres do máis variado, dende risoterapia a fútbol a pé, pasando por cousas como o pickleball ou a danza”. “Cremos que hoxe é un bo día para presentar este proxecto que recollemos de Adicam -sinalou Fernández-, que permite fomentar o autocoidado para favorecer a detección precoz do cancro de mama, que é un dos máis estendidos entre a poboación feminina. Os que pasamos por esta experiencia sabemos perfectamente da sorte e importancia que unha detección precoz pode ter”.


Segundo indicou María Jesús Rodríguez, compoñente do grupo que desenvolve o programa Apálpate, este proxecto púxose en marcha hai uns cinco anos, viuse interrompido pola pandemia “e agora estamos volvendo a retomalo”. A vogal de Adicam precisou que, nun primeiro momento, a iniciativa xurdiu como “un xeito de chegar ás aldeas, a esas persoas que non teñen tanto acceso á información, aos medios modernos e internet, pero despois nos demos conta de que era moita a xente do noso contorno que non sabía como palparse e que aínda tiñan medo a facelo”, polo que se foron organizando “grupos pequenos, como unha charla entre amigos, e aquí en Pontevedra xa demos algunha na feira PonteSán e con algunhas asociacións”.


“O primeiro obxectivo de Apálpate -asegurou Rodríguez- é o de concienciar á xente de perder o medo a saber o que temos, a tocarnos e sentirnos. Peor que ter un cancro é telo e non sabelo. Se coñecemos o noso corpo, o día que aparece algo raro, sabemos identificalo. O programa está orientado a mulleres de tódalas idades. As mamas das mulleres van mudando co paso dos anos, pero de xeito xeral, para apalparse, recoméndase facelo unha semana despois de ter a regra, nunca con ela, porque cando a tés, sobre todo se es moza, vas atopar de todo. Para as mulleres que xa non menstrúan, o mellor é poñer un día ao mes, para establecer un hábito”.


A iniciativa pretende que as asistentes aprendan a coñecer a estrutura normal das mamas e identificar así as posibles anomalías que farían recomendable acudir ao médico/a; amosar como se realiza a autoexploración; promover que as mulleres que están en idade acudan ao programa de detección precoz; alentar a que se acuda aos diferentes profesionais con regularidade, e subliñar a importancia de coidarse a unha mesma. A organización foi posible grazas a coordinación coas diferentes asociacións de mulleres ou de veciños/as implicadas que traballan na zona, por unha banda achegando os seus locais e pola outra coa mobilización dos seus membros.