O espectáculo do agility regresa a Pontevedra esta fin de semana co Trofeo Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina

64
  • O evento, organizado polo Club Agility Patas e as concellerías de Benestar Animal e de Promoción Económica en colaboración coa Sociedade Canina Galega e puntuable para o Campionato de España da Rsce, desenvolverase nas xornadas do sábado 22 e o domingo 23 nas instalacións do Recinto Feiral

Tralo espectáculo de saltos e velocidade do que puidemos desfrutar na primeira fin de semana de outubro co Trofeo Cidade de Pontevedra, os cans e cadelas máis áxiles e intelixentes da Península Ibérica volverán converter esta fin de semana á nosa cidade en referente nacional do agility co Trofeo Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina, unha nova competición puntuable para o Campionato de España da Real Sociedade Canina (Rsce) que se desenvolverá nas instalacións do Recinto Feiral. O evento, organizado polo Club Agility Patas e as concellerías de Benestar Animal e de Promoción Económica en colaboración coa Sociedade Canina Galega, desenvolverase nas xornadas do sábado 22 e o domingo 23 de outubro e contará coa presenza do afamado xuíz internacional italiano Carlo Fazio, xuíz da Federación Cinolóxica Internacional desde 2018, medalla de prata no European Open en dúas ocasións e segundo no World Agility Open na categoría de Jumping Biathlon.


O trofeo dará comezo o sábado ás 14:45 horas coa entrega de documentación e as medicións, dando paso ás probas de Grao 1 a partir das 15:15 horas e ás de Agility Grao 2 e Grao 3 e Jumping Grao 2 e Grao 3 desde as 17:00 horas. No que atinxe á xornada do domingo, a competición iniciarase ás 9:15 horas cos cans de Grao 1 e, posteriormente, desde as 11:00 horas, tocaralles a quenda aos de Agility Grao 2 e Grao 3 e Jumping Grao 2 y Grao 3. 


A organización da competición rexerase polo regulamento e as normas de agility da Rsce, que, entre outras cuestións, impide levar calquera tipo de elemento nas mans ou tocar aos cans e aos obstáculos. Os circuítos desenvolveranse en pistas oficiais de céspede artificial Juta Grass modelo Play Confort, que deben ter unhas dimensións mínimas de 20 por 40 metros, cunha lonxitude de entre 100 e 200 metros.

Dentro do agility existen tres categorías: S ‘Mini’ (pequena), para cans con menos de 35 centímetros de altura á cruz; M ‘Midi’ (mediana), para os que teñen 35 centímetros ou máis e inferiores a 43 centímetros, e L ‘Standard’ (grande), para os de 43 ou máis centímetros. Asemade, divídense en tres graos: Grao I, considerado o nivel básico ou elemental; Grao II, que corresponde a unha dificultade media, e Grao III, que constitúe o máximo escalafón da modalidade de Agility Rsce.

Unha vez máis, neste campionato estarán presentes cans e adestradores que foron campións nacionais de Agility en anos anteriores, así como participantes en mundiais.