O parque infantil de Campolongo considerado a mellor área das cidades de menos de 150.000 habitantes

139

O alcalde recibiu esta mañá o galardón de mans da responsable de HPC Ibérica, empresa autora e instaladora do parque de Campolongo, que presentou este proxecto aos primeiros premios de Parques urbanos.

Campolongo resultou gañador na categoría de concellos entre 50.001 e 150.000 habitantes, entre outros proxectos de toda España. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá de mans de Teresa Martínez, delegada comercial en Galicia de HPC Ibérica, o premio ao mellor Parque urbano para municipios e entidades territoriais cunha poboación entre 50.001 e 150.000 habitantes, que recaeu no proxecto do parque infantil de Campolongo. Estes premios teñen por obxecto recoñecer o concepto, deseño, construción, verificación, uso e mantemento dos parques urbanos realizados polos profesionais do sector.

HPC Ibérica foi a empresa gañadora da licitación do parque infantil de Campolongo que se inaugurou en febreiro de 2019. O orzamento daquela inversión achegouse aos 300.000 euros. A empresa acordou presentar este e outros proxectos da súa autoría aos primeiros premios Parques urbanos, convocados no marco do simposium “Urban Solutions” organizado polo Cluster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL) celebrado a mediados de setembro en Vigo.

O parque infantil de Campolongo foi o gañador na categoría de cidades maiores de 50.000 euros. 

Até o de agora o parque infantil de Campolongo é a área infantil máis grande do concello. Ocupa uns 1.000 metros cadrados. O seu maior atractivo é  unha gran torre de 7 metros con tobogáns que preside o espazo para os nenos e nenas con maior idade. Dispón de tirolina, zona de trepado e columpios, e unha zona para menores con bambáns básicos de berce e inclusivos, xogos combinados, un carrusel adaptado… Tamén dispón dunha zona de estancia pensada para as familias.