O caudal do Lérez mantense estable á espera das choivas que poderían chegar esta fin de semana

24
A edil responsábel do Ciclo da Auga, Carme da Silva, lembra que é preciso seguir moderando o consumo, tanto pola episodio de seca que vive o municipio, como polo cambio climático 

A concelleira responsábel do Ciclo da Auga, Carme da Silva, compareceu este xoves para dar conta dos últimos acontecementos e novidades ao redor da seca e o estado do río Lérez. Pontevedra continúa baixo unha situación de prealerta, situándose o caudal medio do río esta xornada nos 1,9 m3/s. 

«O consumo, máis ou menos, continúa tamén estabilizado», explicou Da Silva. «Do 27 de setembro ao 3 de outubro o consumo de todo o sistema foi de 25.765 m3 e o consumo medio da última foi de 28.450 m3».

A edil lembrou que, segundo os diferentes modelos, é posíbel que esta fin de semana comece un período de choivas intensas, se ben é imposíbel saber canto tempo durarán, nin se serán suficientes para que a situación de prealerta para o abastecemento remate. «O que é certo é que a día de hoxe aínda non temos uns caudais por riba de 1,8 m3/s estabilizados. Precisamos do outono e precisamos das súas choivas», indicou Da Silva.

Polo momento, o Concello mantén o chamamento a un consumo responsábel da auga alén da situación de seca, tamén pola propia natureza da auga como recurso escaso e a súa relación co cambio climático, xa que estes episodios de seca poden pasar de ser casos illados a episodios que se repitan no tempo. «É preciso ter redes eficaces e demais infraestruturas que permitan aproveitar do mellor xeito posíbel a nosa auga», finalizou a concelleira.