- A Concellería de Benestar Animal de Pontevedra colabora co club de agility DivertiCans e a firma de educación canina Kesar’s nunha nova edición do curso ‘Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina’, que contará con 15 prazas para o grupo de cans adultos e 10 para o de cachorros
Formar e concienciar á cidadanía sobre as responsabilidades que implica o coidado das nosas mascotas, na busca dunha convivencia cívica entre humanos e animais, e impulsar promocións de cans e cadelas equilibrados e ben educados, son algúns dos principais obxectivos cos que a Concellería de Benestar Animal lanza a 3ª edición do curso ‘Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina’. Nunha iniciativa absolutamente pioneira a nivel nacional, as aulas poranse en marcha o xoves 3 de novembro e estruturaranse en dous grupos: un de cachorros (para cans entre os 3 e os 8 meses), cun total de 10 prazas, e outro de adultos (para de 8 meses en adiante), con 15 prazas.
O curso terá unha duración de tres meses (ata xaneiro de 2023) e as clases serán impartidas tódolos xoves de cada mes. “A de cachorros -explica o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey- desenvolverase en horario de 20:30 a 21:30 horas, sempre nas instalacións que o club DivertiCans ten no lugar de Couso (Lérez), mentres que a de adultos realizarase entre as 21:30 e as 22:30 horas e alternará o campo de Lérez con outros emprazamentos pola cidade. As aulas incluirán contidos prácticos e teóricos, asignando aproximadamente media hora a cada parte e remitindo aos alumnos os apuntes en formato pdf ou audiovisual”.
Tal e como sinala, “tralo éxito das primeiras edicións, a facultade da Boa Cidadanía Canina inicia en novembro un novo curso académico co que agardamos continuar nesta senda a prol dunha sociedade máis concienciada coa necesidade de manter un respecto ilimitado polos demais e cos deberes e responsabilidades que implica ter unha mascota”.
En ámbolos grupos impartiranse conceptos semellantes, se ben nas clases de cachorros prestarase especial atención á socialización, así como á prevención de calquera tipo de problema condutual. Poranse en marcha grupos de whatsapp coa finalidade de mellorar a organización das aulas (medio polo que se farán chegar os apuntes), recomendaranse lecturas durante todo o curso e en cada clase efectuarase un repaso do xa explicado.
Todas aquelas persoas e cans que desexen participar poderán anotarse de balde desde o luns 17 ata o luns 24 de outubro a través do enlace apuntate.pontevedra.gal (pódese solicitar máis información no teléfono de contacto 627 937 281).
GUIÓN DO CURSO:
Xoves 3 de novembro
Introdución e valoración dos cans.
Indicarase aos asistentes o material recomendado: arnés en forma de H ou Y. Correa de paseo de 2 metros, correa para traballar a chamada de 10 metros, mochila e tipos de premios a empregar.
Xoves 10 de novembro
Práctica: clicker e fío ou luring.
Teoría: a dominancia.
Xoves 17 de novembro
Práctica: target estático e dinámico.
Teoría: os instintos (prestando especial atención ao instinto de caza).
Xoves 24 de novembro
Práctica: sentado e tumbado.
Teoría: órganos dos sentidos.
Xoves 1 de decembro
Práctica: quieto.
Teoría: comunicación canina I (escala de comunicación).
Xoves 8 de decembro
Práctica: non tirar da correa e traballo do xunto.
Teoría: comunicación canina II (escala de comunicación).
Xoves 15 de decembro
Práctica: a chamada I.
Teoría: o estrés e o medo I.
Xoves 22 de decembro
Práctica: a chamada II.
Teoría: o estrés e o medo II.
Xoves 29 de decembro
Práctica: o cobro.
Teoría: condicionamento clásico e instrumental.
Xoves 5 de xaneiro
Práctica: estimulación ambiental e propiocepción.
Teoría: habituación, inundación, desensibilización e contracondicionamento.
Xoves 12 de xaneiro
Práctica: agility.
Teoría: castigos e reforzamentos.
Xoves 19 de xaneiro
Práctica: olfacto.
Teoría: control polo estímulo e polo impulso.
Xoves 26 de xaneiro
Resumo, repaso, dúbidas e agradecementos.