Desenvolvemento Sostible convídanos a descubrir os tesouros do Enil da Xunqueira de Alba e a Illa do Covo a través dun documental realizado por Fernando Portela

65
  • A peza documental impulsada polo concelleiro socialista Iván Puentes está cofinanciada polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (Galp) Ría de Pontevedra a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (Femp) da UE
  • O traballo, que pon en valor os nosos espazos naturais, foi producido por Imaco e conta coas intervencións dos biólogos Saleta González e Vítor Cabaleiro, o naturalista José Rodrigo Dapena e mailo veciño de Lérez Benigno García

Dar a coñecer e poñer en valor a riqueza ambiental de dous dos principais espazos naturais existentes en pleno corazón da nosa cidade son os principais obxectivos da peza audiovisual ‘Descubrindo o Enil da Xunqueira de Alba’, un documental de natureza realizado por Fernando Portela e impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra. O traballo, centrado nos contornos, a fauna e a flora da Xunqueira de Alba e da Illa do Covo (coñecida como Illa das Esculturas), está producido pola firma Imaco e conta coas intervencións dos biólogos Saleta González e Vítor Xosé Cabaleiro, o naturalista José Rodrigo Dapena e o veciño de Lérez Benigno García.

A súa realización foi posible grazas ao cofinanciamento do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (Galp) a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (Femp) da UE. O proxecto, ao que a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou unha achega de 17.787 euros, está subvencionado nun 43’8% mediante unha axuda de 7.797,11 €, dos que o 85% (6.627,54 €) proceden do Femp.

A peza audiovisual foi presentada esta mañá no Concello nunha comparecencia á que asistiron o edil socialista Iván Puentes, a concelleira de Turismo, Yoya Blanco, o realizador Fernando Portela e o produtor Miguel Riaño. Segundo explicou Puentes, “A Xunqueira de Alba é o espazo natural máis importante que existe ao pé da cidade”, polo que decidimos destinar parte dos fondos que nos chegan a través do Galp a esta obra de divulgación (poderá visionarse nas canles de Youtube e redes do Concello e de Visit Pontevedra), “cunha dobre finalidade: por unha banda, promocionar turísticamente a cidade e este espazo, que é un dos grandes atractivos que ten Pontevedra para recibir visitantes; e pola outra, cunha fin puramente educativa, que é de darlle a coñecer á cidadanía de Pontevedra toda a riqueza biolóxica e ecolóxica que ten este espazo natural, algo que se complementa coas guías de paxaros, bolboretas ou flora que imos actualizando ano a ano”.

Puentes avanzou que a estrea do documental terá lugar en vindeiras datas cun pase aberto ao público, que incluirá un acto de presentación e un coloquio posterior, e que a súa intención é a de “distribuílo entre os centros educativos para que os profesores poidan traballar con el nas aulas e achegarlles aos máis pequenos a importancia deste espazo”. “Un espazo que está no centro de acción da Concellería, ao que veñen de concedérselle fondos Next Generation a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino -apuntou o edil do PSOE- e que xa conta cun proxecto de mellora e rexeneración avalado pola Fundación Biodiversidade, coa eliminación de especies invasoras, tanto vexetais, fundamentalmente robinias, acacias e algún eucalipto, como animais, onde o principal invasor é o cangrexo americano, e cunha optimización hidrolóxica da Xunqueira, que se vai acolmatando e desecando co paso dos anos, e que temos que reverter para que recupere a os niveis de humidade que tiña no pasado e siga a comportarse como un humidal de grande importancia”.

“Os que o vexan vanse sorprender coa biodiversidade que temos”

O produtor Miguel Riaño incidiu na necesidade de facer certa pedagoxía e de poñer en valor A Xunqueira de Alba mediante “un formato asumible, asequible e que xere máis interese, axudando a xerar ese xermolo que faga que a poboación de Pontevedra entenda que ten un ben de grande importancia a nivel natural”. Tal e  como asegurou, “moitas veces pasamos preto da Xunqueira, achegámonos de diferentes maneiras, pero non nos paramos a valorar esa biodiversidade que ten, e esta peza representa visualmente de xeito moi fiel o que podemos atopar nela”. “Alguén que o vexa -matizou Riaño- vaise sorprender e a preguntarse como é posible que teñamos todo iso en Pontevedra”.

O realizador Fernando Portela indicou que este traballo, o primeiro de carácter documental que se elabora sobre A Xunqueira de Alba e tamén o primeiro que realizou sobre natureza, foi o resultado de “cinco meses de gravación” nada sinxelos, no que resultou fundamental para detectar a moitas das especies a axuda de Vítor Cabaleiro, Saleta González e Rodrigo Dapena.

A Xunqueira de Alba forma parte dun Espazo Natural de Interese Local (Enil) cuxa superficie total alcanza as 67 hectáreas (cunha marisma de 48 hectáreas). Trátase dun espazo que forma parte do dominio de Costas e que conta cun Plan de Conservación aprobado polo Decreto 190/2012, no que se recollen os usos, actividades permisibles e limitacións necesarias para o seu mantemento, e que, como salientou Iván Puentes, “ten un valor ecolóxico fundamental que inflúe de xeito determinante na conservación medioambiental da ría de Pontevedra”.

“Este tipo de espazos -sinalou o edil socialista- axudan a filtrar os axentes contaminantes e sólidos en suspensión, beneficiando aos bancos marisqueiros da ría. Un ecosistema capaz de depurar refugallos nocivos, pesticidas… E que ademais contribúe á absorción das precipitacións, evitando inundacións, almacena carbono, conserva e restaura os ecosistemas, e resulta fundamental para a biodiversidade, ao albergar especies en extinción e seren lugares de reprodución e migración de moitas aves. En definitiva, inflúe de xeito positivo na nosa ría e nos seus recursos pesqueiros”.

Unha importancia que, grazas a este documental, poderemos comprender a través das voces de expertos na súa flora e fauna. Promover e poñer en valor este espazo natural, pola diversidade e peculiaridade das aves que a habitan e polos beneficios que achega á ría de Pontevedra, e concienciar á cidadanía acerca da relevancia da conservación deste espazo natural a través da protección e contemplación da natureza que habita a marisma, son precisamente os principais obxectivos desta peza audiovisual.

No que atinxe á contribución do proxecto á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) da zona pesqueira, tal e como subliñou Iván Puentes, este traballo enmárcase no obxectivo estratéxico de “impulsar e aproveitar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático, así como contribuír á concienciación cidadá nestes ámbitos”. “O documental ‘Descubrindo o Enil da Xunqueira de Alba’ busca fomentar a conciencia ecolóxica e o aproveitamento sostible do patrimonio ambiental das zonas costeiras para as xeracións actuais a e futuras, promover iniciativas de posta en valor e proteción deste recurso natural e de redución da pegada de carbono e mitigación dos efectos do cambio climático”, engadiu Puentes.

Xa poden desfrutar do teaser do documental a través deste enlace:

https://vimeo.com/manage/videos/759797844