Benestar Social ratifica o seu compromiso cos 80 usuarios e usuarias do programa de logopedia desenvolvido pola Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra

19
  • A Concellería que dirixe o socialista Marcos Rey destina unha achega de 9.000 euros anuais a este servizo de atención logopédica gratuíto, prestado por profesionais especializados na rehabilitación das secuelas da cirurxía tras un cancro de cabeza e/ou colo e na prevención dalgúns efectos secundarios do tratamento

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegouse esta mañá ata a sede da Asociación Española Contra o Cancro (Aecc) en Eduardo Pondal, para manter un encontro no que participaron algúns dos 80 usuarios e usuarios do programa de logopedia desenvolvido pola entidade. A reunión, que contou coa presenza de María del Carmen Abeledo, presidenta de Aecc en Pontevedra; Pilar Iglesias, tesoureira da Asociación; Ánxela Alonso, responsable do servizo de atención logopédica, e Adolfo Santos, xerente da Aecc, serviu para coñecer de primeira man os enormes beneficios desta asistencia e para ratificar “o absoluto compromiso” do edil socialista e do Concello con este programa, ao que a Administración municipal achega unha contía de 9.000 euros anuais.

Trátase dun servizo de atención logopédica de carácter gratuíto, formado por profesionais especializados na rehabilitación das secuelas da cirurxía tras un cancro de cabeza e/ou colo e na prevención dalgúns efectos secundarios do tratamento. “Ademais destes tipos de tumores, a logopeda presta unha axuda imprescindible a pacientes que padeceron outros tumores con efectos na voz o na comunicación, como poden ser o cancro de tiroide ou o cerebral. Esta mañá puiden coñecer casos de persoas que perderan a fala de xeito total ou parcial por operacións vencelladas á larinxe ou á tiroide e outros de persoas que reaprenderon a inxerir e deglutir alimentos”, explica Marcos Rey.


Tal e como subliñou o edil do PSOE, “ademais dos obxectivos de rehabilitar e tentar normalizar diversas funcións como mastigar, tragar, falar, articular, ulir, saborear e respirar, o servizo de atención logopédica tamén busca reintegrar ao paciente, na medida do posible, á súa vida familiar e social, o que o converte nun programa esencial para a Concellería de Benestar Social de Pontevedra”.