A enerxía do Medio Maratón volverá tomar as rúas de Pontevedra nun evento con máis de 900 inscritos e que contará con atletas de primeiro nivel como Reyes Estévez, Manuel Hurtado, Carlos Porto, Soledad Castro, Ángela Rodríguez ou Cora Saburido

70
  • A principal novidade desta edición, enmarcada como XXX Campionato de Galicia de Medio Maratón, será a celebración de dúas carreiras para os máis cativos: unha de 250 metros para nenos e nenas nados no ano 2016 e posteriores, que se desenvolverá na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), e outra de 750 metros para nados entre 2015 e 2005, con saída na Ponte dos Tirantes e meta na pista de atletismo

A enerxía do atletismo regresa esta fin de semana ás rúas da cidade con toda a súa forza da man dunha das nosas ‘clásicas’ máis senlleiras, o XL Gran Fondo Caixabank – XXVII Medio Maratón – 10K Pontevedra 2022, organizado pola Sociedade Ximnástica en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación Provincial. Un agardado evento que conta con máis de 900 inscricións (572 para o medio maratón e 334 para os 10 kilómetros), con nomes de deportistas de primeiro nivel entre os anotados: no medio maratón, Reyes Estévez, finalista nos Xogos Olímpicos de Atenas 2004, bronce nos mundiais de aire libre de Atenas 1997 e Sevilla 1999, campión europeo en Budapest 1998 e subcampión en Munich 2002 e Lisboa 2001; Manuel Hurtado, gañador da pasada edición e atleta con máis vitorias na carreira pontevedresa (catro en total), así como dúas veces campión galego na distancia; Carlos Porto, gañador nos 10 km do ano pasado e vixente campión galego de 800 metros lisos ao aire libre (que debuta na distancia longa); Manuel Lorenzo, cuarto o ano pasado e titular coa Ximnástica en probas de fondo; Anxo Castro, gañador na edición de 2019; Soledad Castro Soliño (categoría máster), atleta internacional que foi 10 veces campioa galega de Medio Maratón e récord autonómico na distancia en categorías máster M40, M45 e M50; Andrea Iglesias, terceira o ano pasado nos 10 km e triatleta internacional; Ángela Rodríguez, subcampioa no medio maratón o ano pasado; e nos 10 km, Cora Saburido, subcampioa na distancia en 2021.


Unha das principais novidades deste Gran Fondo de 2022, que terá lugar na xornada do domingo 16 de outubro e que se enmarca no XXX Campionato de Galicia de Medio Maratón, no que a Sociedade Ximnástica opta ao primeiro posto na categoría masculina por equipos coas participacións de Manuel Hurtado, Carlos Porto e Manu Lorenzo, será a celebración de dúas carreiras deseñadas para os máis pequenos: unha para os cativos nados no ano 2016 e posteriores, que realizarán un percorrido de 250 metros dentro da pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e que poderán estar acompañados por adultos, e un Mini Gran Fondo para nados entre 2015 e 2005, de 750 metros, con saída na Ponte dos Tirantes e meta na pista de atletismo.

Tanto o Medio Maratón (21.097 metros) como o 10K (10.000 metros) discorrerán nun circuíto homologado, urbano, pechado ao tráfico e sobre asfalto, con dúas voltas para a proba de longa distancia e unha única volta no caso da curta. A saída será desde a Ponte dos Tirantes (dirección Marín), discorrendo posteriormente pola Ponte de Santiago, Rafael Areses, Alexandre Bóveda, Celso Emilio Ferreiro, Campus Universitario, Celso Emilio Ferreiro, Alexandre Bóveda, Rafael Areses, Ponte de Santiago, Bos Aires (dirección Marín), Uruguai (xiro de 180 grados antes da rotonda de Corvaceiras), avenida de Uruguai, Galera, Arcebispo Malvar, Praza de España, Michelena, Praza da Peregrina, Paseo de Antonio Odriozola, Soportais, Praza de Curros Enríquez, rúa Real, Celso García de La Riega, Valentín García Escudero, Bos Aires, Padre Gaite, Padre Fernando Olmedo, pista de atletismo do CGTD, José Malvar, Bos Aires (xiro de 180 graos antes da praia fluvial), Bos Aires, rotonda sur da ponte dos Tirantes (comezo da segunda volta no caso do Medio Maratón).


O evento foi presentado esta mañá no Concello nun acto de presentación no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; o sarxento 1º da Escola Naval Carlos Dopico; o delegado da Federación Galega de Atletismo (FGA) en Pontevedra, David Ferrer; a directora de área de Pontevedra de CaixaBank, Lorena Giadanes; a presidenta da Sociedade Ximnástica, Charo Castro, e o director técnico da carreira, Víctor Riobó.


Tal e como salientou Riobó, “nesta edición, despois de 40 anos de Gran Fondo e Medio Maratón, nos atrevemos a organizar probas de nenos, algo inédito, xa que aos pais e nais que veñen a participar tamén lles gustaría ver aos seus fillos”, apostando por un evento “lúdico e festivo” no que o ambiente das diferentes carreiras estará amenizado en todo momento con moita música (charangas, Dj’s…). “O atleta Reyes Estévez, un dos mellores deportistas da historia de España, será a imaxe deste ano. Queremos que sexa unha proba bonita e disputada e, aos seus 51 anos, el é un dos máximos candidatos a poder gañar. Estará con nós na tradicional ‘quedada’, que será o venres, para que a xente poida sacarse fotos e percorrer o circuíto con el”, apuntou o director técnico da carreira.


Unha proba que permite exhibir as infinitas posibilidades de Pontevedra como cidade organizadora de eventos

Tino Fernández afirmou que “aínda que poida soar a falta de humildade, cando se fala en todo o Estado dunha cidade con capacidade para organizar eventos de calquera tipo, se está a falar de Pontevedra, xa que non hai ningunha outra cidade deste tamaño en España capaz de organizar tantos e tan bos eventos deportivos de tódolos niveis: algúns que teñen unha dimensión especial pola súa capacidade de atracción económica, como os campionatos do Mundo de Loita que comezan mañá; e outros que ao mellor non teñen esa capacidade de atracción, pero que prestixian tanto á cidade que son fundamentais para nós, como é o caso do Medio Maratón”. “É unha proba de referencia, que permite ver o que é Pontevedra como escenario aberto para organizar eventos deportivos, como cidade que, en si mesma, é un estadio aberto onde se pode facer calquera tipo de proba, sexa de carreira ou no río, co piragüismo”, destacou o tenente de alcalde.


Para o deputado provincial Gorka Gómez, “ademais do traballo da Ximnástica, hai que agradecer especialmente o esforzo das empresas privadas para que eventos como este saian adiante e tamén o da Escola Naval de Marín, que colabora con nós en moitísimas cousas e sempre está aí para apoiar o deporte de Pontevedra”. “É unha proba -subliñou- que non pode ter un marco mellor, xa que Pontevedra é un lugar excepcional para calquera tipo de deporte. Unha vez máis, o deporte pon en valor o territorio”.


Daniel Benavidades apuntou que “detrás deste evento hai un esforzo grandísimo de moitos voluntarios” e que “ao estar dirixido por Víctor Riobó, non existe a posibilidade de que nada quede para a improvisación e de que nada se repita, xa que cada competición que fai é novidosa, ten un cambio con respecto á anterior”, sendo “un motivo de satisfacción que este acontecemento sexa proba valedoira para o Campionato de Galicia de Medio Maratón”.


Charo Castro agradeceu a implicación das distintas administracións e entidades colaboradoras e animou á cidadanía “a que participe, veña animar, saia ás rúas, xa que vai facer moi bo tempo, e a que estean aí como sempre dando calor e apoio a tódolos participantes”, e o delegado da Federación, David Ferrer, lembrou que o evento “será tamén Campionato de Galicia, unha competición que levaba sen celebrarse desde 2019 e que regresa a Pontevedra trala exitosa celebración de 2016, cunha proba que xa é un referente no calendario”. Pola súa banda, o sarxento 1º Carlos Dopico sinalou que “desde a Escola Naval estamos moi orgullosos e contentos de participar en eventos deportivos como este e en axudar a todo o que sexa actividade deportiva, coa participación dos rapaces, que sempre veñen bastante contentos e que son moi voluntariosos”, mentres que a directora de área de CaixaBank (patrocinador principal e colaborador de longo percorrido coa Ximnástica e o Concello), Lorena Giadanes, amosou o seu desexo de que este Gran Fondo “sexa, como sempre, un evento de éxito e no que desfrute toda a cidade”.


Os horarios de saída das distintas probas

A carreira de Cativos dará comezo ás 10:20 horas, a de 10 km ás 10:40 horas, o Mini Gran Fondo ás 10:45 horas e o Medio Maratón ás 11:00 horas. Estudantes do Grao de Fisioterapia do Campus Universitario de Pontevedra darán sesións gratuítas aos atletas que o requiran ao rematar a proba e haberá garderías para nenos/as de 3 a 12 anos en horario de 9:00 a 14:00 horas e dotadas de monitores titulados (os titores que desexen deixar aos seus rapaces deberán cubrir o seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdWFAjbyA60KO43fzDyJbj8rY_07pKvsEBsISBDdgEzzi4tWA/viewform).


O Medio Maratón contará con ‘lebres’ que tentarán rematar a proba nos seguintes tempos: 01:35.00 / 01:40.00 / 01:45.00 / 01:50.00 / 02:00.00. Calquera participante poderá unirse ás distintas lebres, que estarán identificadas con bandeirolas visibles. Ao rematar a proba, entregaráselles unha medalla finisher a tódolos atletas que crucen a liña de meta, celebrándose posteriormente unha pequena festa na que haberá música e se repartirá cervexa e bica.
Nesta edición postpandémica retómase o servizo de vestiarios e duchas no Pavillón Universitario, dispoñéndose tamén dun espazo de gardarroupa para deixar as prendas antes de saír a correr. Instalaranse baños accesibles para os corredores preto da liña de saída (nas inmediacións da Ponte dos Tirantes) e tódolos inscritos recibirán unha camiseta conmemorativa que se lles entregará cando recollan os dorsais. Haberá dúas ambulancias e dous médicos/as, así como diversos puntos de avituallamento durante a carreira e ao cruzar a liña de meta.


No que atinxe aos premios, recibirán trofeos os/as tres primeiros/as clasificados/as individuais da categoría absoluta masculina e feminina do Medio Maratón e do 10K. Ademais, no Medio Maratón haberá medallas para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres das seguintes categorías: máster 1 (maiores de 35 anos), máster (maiores de 45), máster 3 (maiores de 55) e máster 4 (maiores de 65). Establécense os seguintes premios en metálico para a categoría absoluta do Medio Maratón: 1º 300 €, 2º 200 € e 3º 100 € (masculina e feminina). Na categoría local haberá un único galardón de 100 € para os vencedores masculino e feminino.