O Concello amplía e renova a área infantil da Xunqueira de Ponte Sampaio

40

A reforma comezará en dúas semanas e terá un custe de 48.350,49 euros. 

Ao estar en dominio marítimo terrestre, o Concello solicitou permiso a Costas para esta intervención, e xa foi concedido.

A obra poderá estar rematada a primeiros de ano e o novo parque disporá dun barco, un bambán dobre, un mini-tobogán, un carrusel xiratorio e un xogo de muelle dobre. 

O Concello de Pontevedra vén de obter o permiso de Costas para ampliar e renovar integralmente a área infantil da Xunqueira de Ponte Sampaio, unha instalación que ten un uso intensivo por parte da cativada durante todo o ano, pero especialmente na primavera e no verán, polo atractivo da praia de Ponte Sampaio. A intervención comezará nuns 15 días e ten un custe superior aos 48.000 euros.

Na actualidade, o parque atópase nun estado pésimo de conservación, co chan deteriorado e xogos que xa esgotaron a súa vida útil. De feito, a Concellaría que xestiona Raimundo González Carballo optou por non reparalos ao entender os técnicos que non era posible. Ademais, o valado que arrodea o parque está oxidado e tamén debe ser substituído.

É coñecido o elevado número de usuarios que ten a Xunqueira de Ponte Sampaio no verán, polo que o parque resulta totalmente insuficiente para a cantidade de rapaces e rapazas que se achegan a gozar del. De feito, nos últimos tempos ampliouse o número de elementos de xogo fóra do valado do parque e colocáronse na zona verde. Debido ao gran uso que teñen, estes elementos están igualmente en mal estado de conservación.

A Concellaría que xestiona Raimundo González acordou, por un lado, ampliar a superficie de xogo do parque infantil co terreo no que se atopan os dous elementos de fóra do valado. A superficie dentro do valado é de 145 m2, e a de fóra de 80 m2, polo que o parque pasará a ter unha superficie total de 225 m2.

A reforma inclúe cambiar o chan de caucho actual e amplialo á nova área; instalar un valado de madeira de 60 metros de lonxitude e 1 metro de altura, e retirar todos os elementos de xogo que serán substituídos polos seguintes:

  • Un barco
  • Un carrusel xiratorio
  • Un mini tobogán
  • Un xogo de muelle de dúas prazas
  • Un bambán dobre.

A obra rematará coa instalación dos bancos de pedra existentes, que se retirarán para facer os traballos e devolveranse ao seu sitio ao remate.