Pontevedra adhírese ao Acordo pola Mellora da Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Galicia

14
  • Entre as medidas a impulsar inclúense a dotación de Unidades de Saúde Mental nos centros de Atención Primaria, o reforzo dos equipos das Unidades de Saúde Mental Infanto-Xuvenil, o establecemento dun mecanismo de derivación urxente aos Servizos de Saúde Mental e utilización de instrumentos de detección precoz, intervención breve e derivación a tratamento

A Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, adheriuse, xunto con outras 40 entidades e institucións, ao Acordo pola Mellora da Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Galicia, que ten como meta ofrecer propostas para a mellora dos servizos socio sanitarios e educativos que participan no coidado da saúde mental desde unha visión integral da mesma. A vocación do mesmo é a de promover un grande consenso entre a sociedade civil e a gobernanza en tódalas súas escalas, especialmente entre os axentes nos eidos sanitario, educativo, social e familiar que estean directamente implicados no traballo diario coa infancia e coa mocidade. 

Tal e como explica o concelleiro Marcos Rey, “as medidas a impulsar foron propostas polos axentes sociais destes sectores, e consensuadas e priorizadas durante as sesións de traballo que se desenvolveron entre os meses de abril e setembro deste ano”. “Estas propostas -sinala o edil do PSOE- agrúpanse en torno a catro bloques de necesidades compartidas: máis recursos, con medidas prioritarias como a dotación de Unidades de Saúde Mental nos centros de saúde de Atención Primaria e o reforzo dos equipos das Unidades de Saúde Mental Infanto-Xuvenil, estendendo ata os 21 anos a cidade de atención; máis coordinación, establecendo un mecanismo de derivación urxente aos servizos de Saúde Mental e creando equipos de coordinación interdepartamental e seguimento de caso; máis prevención, con formación específica de profesorado, familiares, alumnado, pediatras… E a utilización de instrumentos de detección precoz, intervención breve e derivación a tratamento, e máis previsión, coa incorporación dos factores de risco dos problemas de saúde mental ao Sistema de Vixilancia das Enfermidades Crónicas de Galicia e a implantación de espazos de formación para familiares (Escolas de Familiares)”.


Asemade, o acordo aposta por reforzar os equipos terapéuticos específicos para adiccións, TCA, autismo e outros, reforzar os equipos de orientación nos centros educativos, vivendas comunitarias titeladas e equipos de atención domiciliaria para casos de problemas graves de conduta, a realización e divulgación dun mapa detallado dos recursos dispoñibles en saúde mental, o fomento de boas praxes na Rede, a creación de programas de axuda entre iguais e de espazos seguros e inclusivos de lecer para a mocidade e a implicación das persoas xoves no coidado da propia saúde mental.