O Concello ínstalles aos repartidores a cumprir coa normativa municipal á hora de desprazarse pola cidade

29
O edil de Ordenación de Mobilidade, César Mosquera, lembrou que os vehículos non poden circular polas beirarrúas nin estacionar nestas; tampouco superar os límites de velocidade nin usar zonas peonís como atallos para chegar ao seu destino
O concelleiro lembra que a ordenanza é clara, e permite achegarse até calquera rúa a calquera hora se é preciso exercer un servizo, mais cumprindo e respectando a lei 

O concelleiro de Ordenación de Mobilidade, César Mosquera, compareceu esta mañá en rola de prensa co fin de instar os repartidores —riders, se atendemos ao neoloxismo— a cumprir a normativa municipal no referido aos desprazamentos en vehículo pola cidade, seguindo a ordenanza aprobada no ano 2019. «Naquel intre reunímonos cos repartidores da cidade e as súas empresas e quedou perfectamente descrito, mesmo dicindo que lles parecía moi ben», explicou o edil, engadindo que Pontevedra é unha das cidades nas que máis cómodo é desenvolver traballos deste tipo.

«En Pontevedra fomos domesticando diferentes elementos: o coche, as motos, as bicicletas, os patinetes… Todos se foron reconducindo. Agora, e de xeito evidente, algúns riders, non todos, nin moito menos, poden ser vistos como o maior problema que ten a cidade no referido á mobilidade e comodidade á hora de camiñar pola rúa e non ter risco de ser atropelado», comentou Mosquera. «Calquera que ande pola cidade pode comprobalo. Repito, non son todos, mais si hai algúns que se toman as normas da cidade moi á lixeira ou á súa medida».

O concelleiro de Ordenación de Mobilidade recoñeceu que é un asunto do que o Concello é consciente, por iso lembra que a lei ten «perfectamente definido que poden facer», tanto no regulamento como a ordenanza de tráfico. «Desde logo, baixo ningún concepto poden circular polas beirarrúas. Tampouco poden estacionar nelas. E, desde logo, tampouco poden superar os límites de velocidade que todos e todas coñecemos», sinalou Mosquera. «Tamén está o asunto de atallar por zonas peonís, atravesar zonas enteiras para usalas como atallos. Non se pode». Exemplo disto podería ser atravesar a glorieta de Compostela ou subir pola beirarrúa de Echegaray para entrar na rúa Nova.

Nese sentido, o concelleiro lembrou que en Pontevedra claro que é posíbel entregar ou recoller un paquete ou servizo a calquera hora e en calquera zona da cidade, incluíndo o casco histórico; e pódese acceder en vehículo a motor a zonas onde xeralmente non se pode se é alí onde está o local de entrega ou de recollida, pero que non poden ser usadas zonas peonís como zonas de paso. «Pero sempre a velocidade que corresponda», aclarou. «Poden ir a calquera rúa, aparcar na calzada ou se é de plataforma única estacionar onde non molesten. Está claramente regulado, non hai ningún problema como tal, excepto por algúns repartidores que non cumpren».

«É curioso que alguén queira levar ao pleno a idea de defender a uns infractores», sinalou o edil. «Pois afortunadamente está prohibido por lei, non hai ningunha posibilidade. E non, aínda non recibimos ningunha proposta, mais sabemos o que se falou estes días. Queriamos deixar claro isto, e a demanda que temos é a dos cidadáns, que sabe que hai un sector dentro dos repartidores que non está a facer as cousas ben. E, repito, non é algo xeral, tamén vemos como algúns van amodiño, respectando as indicacións, procedendo de xeito correcto cos desprazamentos… Ora ben, andamos nas rúas, recollemos opinións e sabemos o que acontece. Seguiremos presionando para que se cumpra a normativa e que a cidade siga transmitindo esa comodidade á hora de andar e esa seguridade para pasear».

No referido á hora de impoñer infraccións, Mosquera explicou que non houbo ningunha campaña especial nese sentido, pero que «claro que se puxeron multas» se un axente detecta infraccións de tráfico, como podería ser ver unha motocicleta pola beirarrúa. «Sempre se lles trata con toda a delicadeza, ás veces abonda con explicalo unha vez e xa, sabemos as condicións de traballo que teñen, pero hai que procurar cumprir a lei».

«Hai que dicir que o do PP pasa de castaño escuro. Di que está a favor do modelo pero vai con todos os que queren rebentalo», finalizou o edil. «Se todo o mundo fixese o que quixer habería que escapar de certos espazos. Temos tolerancia sempre coa xente que está traballando, pero se se pasa, un Policía debe facer cumprir as normas que son para todos e todas».