As obras para renaturalizar o treito do río dos Gafos que discorre entre A Tablada e Rosalía de Castro estarán en marcha no mes de decembro

155
  • A proposta técnica plantexada pola empresa Covsa, a única que presentou oferta no procedemento de licitación, contempla a creación de zonas de pradeira e bancais que permitirán acceder ao río e toca a agua, así como a xeración de paseos que conectarán peonilmente o ámbito de Campolongo co da desembocadura

Unha única empresa, a firma Covsa, presentou a súa oferta ao procedemento de adxudicación das obras coas que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural porá en marcha o seu ambicioso proxecto para liberar e renaturalizar o río dos Gafos: as actuacións que permitirán a restauración paisaxística e ambiental e o destape do afluente na súa desembocadura, no treito que discorre entre as rúas Xeneral Rubín, Tablada e Rosalía de Castro, que contan cun orzamento base de licitación de 586.084,15 euros (financiado con cargo aos fondos Edusi da UE). O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes agarda que os traballos, que contemplan a demolición da actual ponte peonil de 7 metros de ancho que une A Tablada e Rosalía de Castro e a construción dunha espectacular pasarela nova, voadiza, metálica, lixeira e de trazado curvo para osixenar todo este ámbito e recuperar a visión e o acceso ao río, se poidan poñer en marcha no mes de decembro, toda vez que o sobre coa proposta económica plantexada por Covsa será aberto en mesa de contratación na vindeira semana.


Así o anunciou esta mañá o propio Puentes nunha comparecencia celebrada no Concello para dar a coñecer as características técnicas do deseño presentado por Covsa para unha intervención “que será o aperitivo dese río dos Gafos renaturalizado, aberto e integrado a nivel urbano e humano no corazón da nosa cidade”. Segundo sinalou, “os servizos técnicos municipais xa avaliaron a proposta e comprobaron que cumpre cos requisitos técnicos, polo que xa podemos dicir que non queda deserta a obra, que era o medo que podía existir nestes momentos de incremento de prezos, e que moi previsiblemente teremos adxudicatario, a expensas de que a semana que vén se abra a oferta económica, que debería cumprir cos parámetros”.


“A oferta pasaría ao Servizo de Intervención para poder fiscalizala e, a partir de aí, faríase unha proposta de adxudicación á Covsa. Desde esta proposta de adxudicación e a sinatura do contrato hai un mes para que se inicien os traballos. Durante ese mes, a empresa terá que presentar o plan de seguridade e saúde e o plan de xestión de residuos e, se todo vai segundo o previsto, teriamos todo listo para iniciar as actuacións no mes de decembro. As obras teñen un prazo de execución previsto de entre tres e catro meses, polo que deberían estar rematadas antes do mes de maio”, subliñou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.


Tal e como apuntou, a proposta “supón actuar sobre o único treito do Gafos que nestes momentos non ten paseo e que non resulta accesible, xa que nos demais temos pasarelas ou sendas peonís que nos permiten pasear a pé do río e aquí non, hai que ir pola rúa da Tablada para conectar posteriormente, despois de Rosalía de Castro, coa senda ata as Corvaceiras; e na zona do río que se atopa máis degradada nestes momentos, ao estar conformada por traseiras de edificios, moi encaixonada entre eses inmobles e sen posibilidade real, xa non de paseo, senón de acceso ao río en ningún punto”. “Os obxectivos desta intervención -asegura o edil do PSOE- pasan por renaturalizar ese cauce, permitir o paseo e o acceso ao río en practicamente tódolos puntos e actuar sobre unha infraestrutura que oculta o Gafos e que afea tanto o seu contorno como a ponte de Rosalía de Castro (baixo a que discorre o río), que é esa ponte de formigón que temos agora mesmo para conectar A Tablada con Rosalía de Castro”.


Iván Puentes indicou que a solución que se presenta “plantexa derrubar esa ponte de formigón, substituíla por unha pasarela metálica, voada e lixeira, que se procurou que tivese o menor impacto posible desde o punto de vista visual e polo tanto interrompese o menos posible a vista da ponte Rosalía de Castro (ponte histórica feita en pedra sobre o río) e osixenase o paso do río neste treito”. O socialista precisou que “no resto do cauce, o que se vai facer é asegurar os noiros máis próximos ás vivendas cunha serie de muros de contención esteticamente ben resoltos e que non impacten co contorno, e reverdecer tamén ese espazo ata río, mesturando dous tipos de solucións: zonas de herba, pradeira e ribeira e zonas en bancais, que permitan xerar áreas de lecer e de estar e áreas de acceso e baixada para poder chegar ata o río e tocar a auga”.


Ribeiras accesibles

Puentes matizou que se trata dun treito “complexo desde o punto de vista técnico, posto que o río está moi encaixonado entre os edificios e non hai demasiado espazo para executar unhas ribeiras suaves, pero en todo caso si se crearán unhas ribeiras accesibles, cando a día de hoxe non o son”. “Ademais, xeraranse uns paseos perpendiculares ao longo da canle, permitindo comunicar a zona de Campolongo coa que nos leva ata as Corvaceiras e darlle así continuidade ao paseo do Gafos, que vén desde Tomeza, ata a desembocadura do río. En definitiva, combinar necesidades de mobilidade e seguridade, estética e usos de lecer, deporte e esparexemento, mellorando a situación na que se atopa o río desde o punto de vista ambiental”, afirmou o concelleiro.
O socialista aclarou que os paseos combinarán xabre estabilizado con zonas de adoquín e herba, “cumprindo cun dos parámetros que estamos a traballar coa Fundación Biodiversidade, que é o das filtracións de auga, para evitar escorrentías e para que o terreo se comporte do xeito máis natural posible”.

Os traballos localizaranse augas arriba do entronque do Gafos coa rúa Rosalía de Castro, ata a escalinata de acceso á ribeira, a uns 50 metros, actuando en ámbalas marxes do río, nunha actuación con certo carácter ‘cirúrxico’: unha superficie total de 1.561 metros cadrados delimitada polas edificacións que a rodean e de difícil acceso. O proxecto busca xerar un novo ámbito de esparexemento cidadán en contacto coa ribeira, acadándose unha transición gradual do desnivel da rúa Tablada co río (o que permitirá a restauración ambiental das zonas limítrofes á canle) e substituíndose non só a actual pasarela adosada ao edificio que oculta o arco de pedra da ponte de Rosalía de Castro, senón tamén tódolos colectores que discorren polo bordo a ribeira.


Trátase dunha intervención dunha dobre vertente: por unha banda, a compoñente hidráulica, que busca a eliminación de colectores en superficie e a súa renovación como elementos soterrados que non interfiran visualmente dentro da paisaxe de ribeira; e pola outra, a eliminación da pasarela de formigón prefabricado de 7 metros de ancho que actualmente cubre parte do río (adosada ao número 23 da rúa Rosalía de Castro).