A nosa cidade superará a cifra de 600 participantes nun Ciclocross Internacional Cidade de Pontevedra puntuable para a Copa de España e organizado cos ollos postos no Campionato de Europa de 2024

150
  • O evento, organizado pola Federación Ciclismo Galego co patrocinio da Concellería de Deportes, contará coa elite nacional e mundial da disciplina, con ciclistas chegados de Francia, Estados Unidos, Inglaterra, Bélxica ou Italia (que traerá á súa selección nacional)

A elite nacional e mundial da bicicleta de montaña volverá a ofrecer o mellor dos espectáculos este sábado 8 de outubro na nosa cidade coa celebración do Ciclocross Internacional Cidade de Pontevedra, de categoría C1 e puntuable para a Copa de España da disciplina (trátase da segunda proba da mesma). O evento, organizado pola Federación Ciclismo Galego co patrocinio da Concellería de Deportes, desputarase na Illa das Esculturas, un dos mellores escenarios do mundo para a práctica deste deporte, e contará con ciclistas chegados desde Italia (que traerá á súa selección nacional), Francia, Estados Unidos, Inglaterra ou Bélxica, converténdose nun aperitivo do que os afeccionados poderán desfrutar no Campionato de Europa que a nosa cidade acollerá en 2024.


A competición iniciarase ás 9:00 horas coa manga júnior masculina e continuará ás 10:15 horas coa júnior feminina. Posteriormente, tocaralles a quenda ás féminas elite e sub 23 (ás 11:45 horas), que darán paso, arredor das 13:00 horas, á manga elite e sub 23 masculina, proba raíña do programa competitivo. Para as 14:15 horas está prevista a proba de ciclocross inclusivo, unha das novidades e seña de identidade da carreira, que terá como referente ao galego Borja Gómez e que será a oportunidade para que os ciclistas con diversidade funcional poidan afrontar, nun percorrido idéntico aos doutras categorías, esta manga non competitiva. Xa pola tarde, os rapaces cadetes comezarán a súa competición ás 17:00 horas, mentres que a proba máster 30, 50 e 60 masculina, xunto coa máster feminina desputarase a partir das 18:00 horas, quedando os máster 40 masculinos para as 19:00 horas. As entregas de trofeos realizaranse ao final de cada proba.


O Cidade de Pontevedra foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a deputada provincial Olga García Ballesteros; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; o responsable de Deporte Escolar da Xunta, Santiago Ferrer, e mailo responsable técnico de Ciclocross da Federación, Alberto del Río. Tal e como asegurou Juan Carlos Muñiz, a aposta de Pontevedra polo ciclocross traduciuse en que, en tan só sete anos, “pasamos dunha proba da Copa de Galicia a un Campionato de Galicia e directamente ao fito histórico de acoller dous campionatos de España consecutivos, e agora, a un C1 internacional, outra Copa de España e a sede de 2024 do grande Campionato de Europa, por primeira vez en España”. 

“En resumo, o ciclocross de nivel nacional e internacional é unha realidade en Pontevedra e todo isto grazas á aposta do Concello e á colaboración da Deputación e a Xunta, así como dos patrocinadores e colaboradores privados. Estamos ante unha posta de largo de cara ao Campionato de Europa de 2024, cun Ciclocross Internacional Cidade de Pontevedra que xa ten uns 500 inscritos e no que probablemente superemos os 600 participantes. Pontevedra xa foi récord de participación nos dous campionatos de España”, subliñou o presidente da Federación.


Segundo sinalou Tino Fernández, “o Concello de Pontevedra acostuma a traballar cunha estratexia de continuidade, xa que non somos partidarios de facer eventos illados cunha Federación ou un club, senón de ir mellorando da man da Federación correspondente, o que ten unha proba palpable no trazado que fixo o presidente: comezamos hai sete anos con campionatos galegos e pouco a pouco fomos crecendo coa vista posta en organizar carreiras internacionais, nunha Federación como a de Ciclismo, que ten moitas noivas á hora de organizar eventos”.

“Afortunadamente, todos estes eventos que fomos realizando ao longo dos anos fóronnos xerando un prestixio nacional e internacional que nos permitiu obtar á proba do Campionato de Europa 2024 e, como paso previo, organizamos esta proba C1, que é o crecemento lóxico e tamén un xeito de testar un circuíto e unha organización que xa foi testado, que lles gusta tanto aos participantes como ás federacións e que nos axudou a conseguir un Campionato de Europa, pero que sempre podemos mellorar. Temos a sorte de ter a Illa das Esculturas, que nos permite organizar este tipo de probas en pleno corazón de Pontevedra e iso é un valor a ter moi en conta”, precisou o edil do PSOE.


Olga García Ballesteros incidiu na aposta da Deputación polo deporte, apoiando a organización de grandes eventos, así como na importancia de que se vaia acadar unha cifra de 600 deportistas nun fito de carácter internacional “que agardamos que se poida seguir celebrando en vindeiros anos”. Pola súa banda, Santiago Ferrer afirmou que “para a Xunta é unha satisfacción estar nunha proba destas características, de nivel nacional, que se desenvolverá nun contorno dunhas características de paraíso deportivo, como é a Illa das Esculturas”. “Sabemos que o éxito de organización está garantido coa xente que está a traballar neste evento e tamén o será de participación”, apuntou o responsable autonómico.


O ‘efecto contaxio’ de Pontevedra

Juan Carlos Muñiz destacou que, grazas á aposta do Concello de Pontevedra, estase a producir “un efecto contaxio” no resto dos concellos galegos, posto que “imos ter cinco probas internacionais, algo que ningunha outra federación autonómica acadou”. “Iniciamos aquí, este sábado, a primeira proba internacional, e despois, o domingo en Marín, o 12 nas Pontes e outras dúas máis internacionais na provincia. Teremos participantes de Francia, Bélxica, Inglaterra, Estados Unidos, Italia… O que vai ser un escaparate para esta modalidade deportiva. E ademais, tampouco hai ningunha outra comunidade que teña 20 probas no calendario nacional e internacional. Pontevedra conta co mellor estadio improvisado do mundo para o ciclocross, que é o parque da Illa das Esculturas. Levamos uns cinco circuítos nesta cidade e non se repetiu ningún. Non coñecemos outro sitio no mundo con este contorno, accesos, zonas de servizos e infraestruturas”, engadiu o presidente da Federación Galega.


No que atinxe ao percorrido, mantense a esencia dun circuíto que bordea o río Lérez, onde a vantaxe está sempre do lado dos corredores máis potentes e con longas rectas nas que se chegarán a superar os 35 kilómetros por hora (a ausencia de choiva garante a rapidez da carreira). As zonas técnicas, como a dura rampla xusto antes de meta, apertarán aínda máis as mangas que cheguen igualadas ao final. 


O circuíto redúcese levemente en distancia, xa que se elimina unha das rampals na zona do colexio. Os puntos quentes do percorrido de 3,4 kilómetros serán a zona de tablóns antes do box, que tamén reduce a velocidade neste punto, as escaleiras, e o zigzag na ladeira e último repecho antes da meta.