Desenvolvemento Sostible proxecta unha pista de pump-track para bicicletas, patíns e monopatíns no vello circuíto de BTT do Miradoiro de Monte Porreiro

51
  • A proposta foi plantexada esta mañá nun encontro no que participaron o edil socialista Iván Puentes; o presidente da Asociación de Veciños O Mirador, Carlos Diéguez; Miguel Rúa, construtor da empresa Velosolutions; Nacho Cons, presidente da peña ciclista Moto Bike; Toño Escudero, da firma Urban Culture Factory, e usuarios de pistas de pump track 
  • O deseño contemplaría a creación dun espazo para adultos cunha pista de salto e doutro para os pequenos, cun custe de partida duns 49.000 euros para unha área duns 700 metros cadrados 

Na súa teima por poñer en valor o barrio de Monte Porreiro e dinamizar un dos seus espazos verdes máis senlleiros, como é o do parque do Miradoiro, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, encargoulle á firma especializada Velosolutions o deseño dunha proposta para dotar o espazo que ocupa o antigo circuíto de BTT dunha pista de pump-track para bicicletas, patíns e monopatíns. A infraestrutura estaría pensada como unha área de lecer, dotada dun ámbito cunha pista de salto para usuarios adultos e doutro específico para nenos e nenas, cun custe de partida duns 49.000 euros para unha superficie de arredor de 700 metros cadrados (se ben a proxectada polo Concello de Pontevedra sería de maiores dimensións).


A proposta foille plantexada a Iván Puentes no transcurso dunha reunión que tivo lugar precisamente no antigo circuíto de BTT e na que participaron Carlos Diéguez, presidente da Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro; Miguel Rúa, construtor da empresa Velosolutions; Nacho Cons, presidente da peña ciclista Moto Bike; Toño Escudero, da firma Urban Culture Factory, e outros usuarios de pistas de pump-track. Segundo explicou o concelleiro do PSOE, “imos estudar o xeito de integrar este antigo circuíto de BTT, nun estado mellorable, en todo o ámbito que conforma o parque do Miradoiro e da que formarán parte proximamente os xardíns da Uned, constituíndo o maior espazo verde do barrio de Monte Porreiro e un dos de maiores dimensións da cidade”.


“A nosa idea -subliñou Puentes- é combinar unha actuación verde, de xardíns, cunha maior utilidade do espazo, fundamentalmente, e tal e como no suxiren as persoas coas que hoxe nos reunimos, a través da transformación deste circuíto de BTT nun de pump-track, tanto para nenos como para maiores, que sería o primeiro que ten a cidade e que permitiría facer iso que desde a Concellería de Desenvolvemento Sostible estamos a facer desde o principio do mandato: integrar lecer e espazos verdes e darlles unha utilidade a estes espazos, máis aló do propio paseo. Estudaremos o proxecto técnico que nos presenten e o orzamento que se require para levalo a cabo e tomaremos decisións ao respecto nos vindeiros meses. En todo caso, parécenos unha idea moi atractiva, que xurde ademais da sociedade, o que lle outorga unha certa garantía inicial de éxito, e que nos permite manter en boas condicións un espazo actualmente degradado”.


Miguel Rúa indicou que Velosolutions deseña circuítos adaptados para bicis, monopatíns, patíns e todo tipo de vehículos sen motor, “empregando asfalto para que teñan bo rendemento, pero sempre o mínimo posible, e tentando integralos ambientalmente con zonas verdes”. O construtor e responsable comercial de Velosolutions en Galicia precisou que a pista para nenos “tería módulos máis baixos para os rapaces que leven push bike ou bicis sen pedais e que non haxa choques entre eles”.


“Facemos pistas a partir de 700 metros cadrados, xa que queremos facer deseños que resulten dinámicos, con cambios de liñas, que non resulten monótonos, traballando a un custe de 70 euros o metro cadrado totalmente rematado, con zonas axardinadas, accesos e, no caso de que sexa preciso, a instalación dalgún banco, complemento ou mobiliario”, afirmou Miguel Rúa.


Carlos Diéguez sinalou que “desde logo, a Asociación de Veciños só pode darlle a benvida a este proxecto, porque poder recuperar esta zona de lecer e esparexemento é algo que levamos pedindo desde hai anos”. “Polo que nos comentan desde a Concellería e a empresa é un proxecto que vai ser único na provincia de Pontevedra e estamos tremendamente alegres de que isto se retome e se poida levar a cabo”, apuntou o presidente de O Mirador.