A nova pista do Pavillón dos Deportes quedará totalmente rematada na véspera dos campionatos mundiais de Grappling e Loitas Olímpicas

106
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, asegura que equipos como o Cisne e o Teucro poderán regresar ás instalacións municipais tralo Open Internacional e o Campionato de España Precadete de Taekwondo

As obras de renovación da pista e mellora das condicións de mobilidade e acceso do Pavillón Municipal dos Deportes quedarán practicamente rematadas antes do inicio dos campionatos mundiais de Grappling e de Loitas Olímpicas que se celebrarán en Pontevedra entre os días 10 e 23 de outubro, quedando garantido o regreso de equipos como o Cisne e o Teucro ao seu feudo unha vez que rematen estes importantes torneos internacionais. Así o confirmou esta mañá o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, nunha visita para supervisar a boa marcha e excelentes resultados dos traballos, na que estivo acompañado de técnicos municipais e de responsables da empresa adxudicataria Prace.


Tal e como subliñou o edil socialista, “aínda que é certo que imos xustos de tempo, as obras van francamente ben, o noso obxectivo é telas rematadas para este xoves para poder iniciar a montaxe dos mundiais de Loita e o compromiso da empresa é que mañá estará rematado todo o que é necesario que estea rematado: basicamente, a zona perimetral e a rampla de entrada”. “Se logo dá tempo -matiza Fernández-, tamén se pintará o que falta por pintar do terreo de xogo, pero se non, quedará para despois, xa que esta parte quedará cuberta durante os mundiais e non nos corre tanta présa. O que nos preocupaba era que os laterais estivesen rematados, xa que hai unha zona na que vai ir unha plataforma e ten que estar rematada, e logo a rampla de entrada, e garantizáronnos que iso vai estar listo para mañá pola noite, para que o xoves a primeira hora da mañá xa se poidan empezar a instalar os elementos dos mundiais de Loita”.


Segundo sinalou o tenente de alcalde, “se dá tempo a rematar todo entre hoxe e mañá, os equipos que xogan no Pavillón Municipal xa poderían empregalo en canto remate o Mundial de Loitas Olímpicas (23 de outubro), e se non dese tempo a pinta-la pista, pois habería que rematar de pintala e, unha vez feito, xa poderían entrar, é dicir, sería cuestión dun par de días”. “A última fin de semana de outubro temos o Open Internacional de Taekwondo e o Campionato de España Precadete de Taekwondo -aclarou o concelleiro do PSOE-, que se van celebrar aquí, no Pavillón, polo que se coincide que ao Cisne lle toca xogar na casa, aínda non podería xogar, pero se non é nesa fin de semana, sería na seguinte. O pintado da pista é cousa dun día”.


O proxecto de mellora do pavimento e a accesibilidade do Pavillón dos Deportes foi subvencionado con case 140.000 euros por parte do Ministerio de Cultura e Deportes, obtendo a segunda mellor valoración de entre as 14 presentadas. A solicitude de axuda realizada polo Servizo de Deportes para as actuacións era de 256.668 € e o Consello Superior de Deportes concedeulle ao Concello 139.771,22 €.

A intervención, adxudicada á empresa Prace por un orzamento de 310.568,39 euros, contemplou a renovación da pista de xogo, rematada en madeira de faia, a cobertura do foxo perimetral, o rectificado das ramplas existentes e dos remates laterais, así como a renovación da varanda perimetral e a marcaxe regulamentaria da pista para balonmán, fútbol sala, baloncesto e voleibol.