A Vida é Movernos abre as portas do pickleball aos pontevedreses cunhas xornadas que se celebrarán na avenida de Montero Ríos os venres 7 e 14 de outubro

236
  • O obxectivo desta actividade, impulsada pola Concellería de Deportes en colaboración coa Asociación de Pickleball de Galicia (Apiga), é dar a coñecer esta nova modalidade deportiva que xa conta con máis de 6 millóns de practicantes en Estados Unidos e que en España está a avanzar de xeito vertixinoso

A exitosa iniciativa da Concellería de Deportes A Vida é Movernos continúa a expandirse cara a novas disciplinas deportivas emerxentes. Nesta ocasión, o programa municipal organizou dúas xornadas de portas abertas de Pickleball co obxectivo de dar a coñecer entre os pontevedreses esta nova modalidade deportiva, que xa conta con máis de 6 millóns de practicantes nos Estados Unidos, que en España está a avanzar de xeito vertixinoso e que na nosa comunidade comeza a introducirse a través da Asociación de Pickleball de Galicia (Apiga). A actividade desenvolverase os venres día 7 e 14 de outubro en horario de 17:00 a 20:00 horas na avenida de Montero Ríos, onde se instalarán dúas pistas que funcionarán de xeito simultáneo, e está aberta a persoas de tódalas idades, podendo acudir os interesados á mesma sen necesidade dunha reserva previa (inscribiranse ao chega totalmente de balde).


Tal e como apunta o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “as xornadas estarán dirixidas por monitores titulados de Apiga, que se encargarán de introducir aos asistentes neste deporte interxeracional, inclusivo e de moi fácil aprendizaxe, con mínimo risco de lesións e que favorece o deporte en familia, sendo posible que o practiquen pais con fillos e avós”. “O pickleball -explica o edil do PSOE- é unha modalidade deportiva de pala innovadora e atractiva que Apiga está a estender por Galicia, que engancha desde o primeiro momento e que combina elementos do pádel, o tenis, o bádminton e o ping pong. É moi sinxela de aprender, moi dinámica e rápida e que ten ‘peloteos’ moi longos, polo que resulta divertidísima”.


Entre as razóns que se atopan tralo encanto deste deporte, o coordinador da actividade, José Carlos Otero esgrime “un ‘Decálogo de razóns polas que me engancho ao pickleball’ no que se subliña que é unha modalidade moi fácil de aprender, con mínimo nivel de frustración, na que pronto se adquiren longos ‘peloteos’ e aos 30 minutos de tomar contacto coas palas e pelotas xa se pode estar xogando e competindo; que é un deporte social e comprometido, porque está indicado para tódolos públicos con independencia da súa condición física, desfrutando desde o primeiro momento da experiencia; que é interxeracional, xa que está concibido para practicalo e competilo persoas de diferentes idades; perfecto para a conciliación familiar, xa que avós, netos, pais, nais e fill@s poden xogar e desfrutar, e inclusivo, apto para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade física ou psíquica, que mesmo pode xogarse en cadeira de rodas”.

“Asemade -engade Otero- é tamén un deporte para xogadores expertos, que poden desfrutar dun ritmo rápido e estratéxico; competitivo e retador; aditivo e saudable, para quenes queiran manterse en forma e exercitar corpo e mente, permitindo traballar de xeito simultáneo axilidade, reflexos, coordinación, velocidade de reacción, equilibrio e desenvolvemento motor; cun mínimo risco de lesións, e que require un mínimo gasto, tanto en instalacións como en material (rede, palas e pelotas), sendo posible a súa práctica en calquera superficie chá (praza pública, rúa, ancha…), cunha rede portátil que se instala e retira en menos de dous minutos e con moita facilidade para marcar as zonas e límites con cinta de carrocero”.