Pontevedra será a sede física do novo clúster de comercio electrónico de Galicia

36
O Concello cederalle un espazo de seu no edificio municipal dos Campos, en Mourente, actual sede tamén do GDR Pontevedra-Morrazo
A agrupación ten prevista unha xornada de presentación e participación para socios e non socios o vindeiro xoves, 29 de setembro 

Pontevedra foi a cidade escollida polo novo clúster galego de e-commerce para instalar a súa sede. Así o confirmou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, esta mañá de venres, acompañado do presidente desta agrupación, Xosé Luís Reza Pérez, e o seu secretario xeral, Alberto Cochón

O clúster galego de comercio electrónico aínda dando os seus primeiros pasos como asociación, tendo programado un evento de presentación oficial para o vindeiro xoves, 29 de setembro, no Pazo da Pedreira. «Queren, dalgún xeito, dar información, formación e acompañamento a todo o comercio que quere traballar a súa parte de venda en liña», explicou o rexedor da Boa Vila. «Estamos encantados de que se forme este clúster, pero máis encantados estamos aínda de que decidiran que a súa sede sexa o concello de Pontevedra».

Nese sentido, o Concello de Pontevedra comprometeuse coa agrupación para permitirlle instalar a súa sede provisional no edificio municipal dos Campos —sede tamén do GDR Pontevedra-Morrazo—, se ben o alcalde deixa a porta aberta a que no futuro o clúster poida mudar de situación dentro do municipio.

O presidente da agrupación informou que esta próxima xornada de presentación levará por nome ‘E-commerce Day’ e será «unha xornada de coñecemento, técnica, dirixida aos socios e non socios deste clúster». «A idea do clúster nace para buscar sinerxías e networking entre as empresas galegas, xa sexan coñecidas ou non tan coñecidas, pois é habitual en Galicia un tendencia un tanto individualista de facer as cousas. Queremos poñer en contacto a estas empresas para compartir experiencias, aprender uns doutros, e achegarlle a sociedade e ao comercio en particular as ferramentas que existen para acceder ao comercio electrónico».

O clúster conta con representación de empresas de todas as provincias galegas, de diferentes sectores e cun «equilibrio entre empresas nativas dixitais e tradicionais ou físicas». 

Pola súa banda, Alberto Cochón lembrou que as ferramentas «mudan constantemente» e o comercio a día de hoxe «evoluciona moi rápido». «Queremos intercambiar experiencias nese espazo novo dixital e agardamos medrar, facernos fortes e amosar exemplos prácticos que están a funcionar, promover estratexias, axudarnos entre todos… Na xornada que está por vir falaremos de boas prácticas, de Facebook, de Instagram; teremos dous exemplos importantes de comercio electrónico como poder ser Crack en Galicia e tamén Don Disfraz, dúas experiencias distintas de e-commerce».