O prazo de preinscrición nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) péchase con 2.295 solicitudes presentadas

163

A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde acaba de facer público o listado provisional de preinscritos nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) 2022-2023 (que xa pode consultarse a través do enlace https://deportes.pontevedra.gal/web2020/wp-content/uploads/2022/09/Listado-provisional-preinscritos-EDM-22-23.pdf). Este prazo de petición previa de matrícula pechouse cun total de 2.295 solicitudes de inscrición presentadas á vintena de especialidades deportivas diferentes ofertadas por 32 clubs da cidade, o que sitúa esta demanda inicial un pouquiño por enriba das cifras que barallaba o Concello.


Os deportes nos que se ofrecen prazas son atletismo, educación física, formación para o deporte, bádminton, baloncesto, balonmán, ciclismo, montañismo, fútbol, tenis, tenis de mesa, rugby, salvamento acuático, taekwondo, voleibol, xadrez, ximnasia acrobática e ximnasia rítmica. Os clubs colaboradores son Arxil, Cab Pontevedra, Boa Vila Basket, Baloncesto Estudiantes, Bádminton Ravachol, Sociedad Gimnástica, Club Atletismo Rías Baixas, CB Cisne, Club Treboada, Xiada, Pontus Veteris, Escola de Xadrez, Voleibol Pontevedra, Tenis de Mesa de Monte Porreiro, Casino Mercantil, Club de Tenis, Taekanar, Mace Sport, Club de Salvamento Acuático, Pontevedra Rugby Club, Mareantes, SCD Salcedo, Leis 26, Salgueiriños, Indepo, Portero 2000, AJ Lérez, ACD A Seca, Aromon, Club Ciclista Farto, Teucro e Cisne.


A fase de inscrición final realizarase no mesmo lugar no que se desenvolva a actividade e xestionarase directamente coa entidade organizadora. Nos primeiros días, durante a actividade, entregaranlles a ficha de inscrición definitiva, sendo necesario achegarlle á persoa responsable da entidade que coordina a actividade a seguinte documentación: ademais da mencionada ficha de inscrición debidamente cuberta, o DNI do/a representante legal do/a menor, a tarxeta sanitaria do/a menor e o xustificante do pagamento da inscrición.
As actividades enmarcadas dentro das EDM están subvencionadas polo Concello cunha axuda máxima de 82 € por cada neno/a, sendo a cota de inscrición por curso de 50 € por rapaz/a.

As sesións terán lugar nos pavillóns Municipal, Marcos da Portela, Xunqueira I, Xunqueira II, Príncipe Felipe, Cabanas, Frei Martín Sarmiento, Sánchez Cantón, CGTD, no Pavillón Universitario, no do Colexio Los Sauces, nos campos de fútbol Manolo Barreiro, no Multiúsos da Xunqueira, no rocódromo municipal do Multiúsos da Xunqueira, no parque polideportivo do Mercantil, no Club Mace Sport, no Centro Deportivo Municipal de Campolongo, no campo de rugby de Monte Porrerio, no campo de fútbol de Campañó, no Club de Tenis, na praza de Fermín Bouza Brey e no monte de Salcedo.