O Ganapán recibe ao outono esta fin de semana cuns talleres ben larpeiros nos que os nenos e nenas poderán elaborar biscoitos de vainilla e pepas integrais con marmelada de ameixa

5
  • A rapazada que participe nos obradoiros organizados no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica tamén poderá deseñar uns divertidos Sr. e Sra. Cactos e uns autorretratos de inspiración pop-art

Chega o outono e o programa de lecer infantil O Ganapán quere recibilo esta fin de semana no Mercado de Abastos de Pontevedra cunha proposta na que as artes culinarias e a imaxinación volverán ser protagonistas. Os obradoiros, impulsados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para nenos e nenas de 4 a 10 anos, terán unha vertente ben larpeira, permitindo que os rapaces participantes elaboren unha sinxela e deliciosa receita de pepas integrais con recheo de ameixa (o sábado 24 de setembro) e outra dun biscoito de vainilla suave, mol e esponxoso, ideal para tomar só ou acompañado dun chisquiño de marmelada (o domingo 25 de setembro).


Os pequenos deixarán ademais voar a súa imaxinación con dous talleres de manualidades nos que terán ocasión de confeccionar uns divertidos Sr. e Sra. Cactos (sábado) e, mentres se enfornan os biscoitos de vainilla, unha composición de autorretratos de inspiración pop-art (domingo). Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “as actividades desenvolveranse en horario de 11:30 a 13:30 horas, sendo necesario reservar praza previamente no email oganapan@gmail.com, indicando no correo se os rapaces teñen algunha alerxia ou intolerancia”. “E que ninguén esqueza a súa friameira para levar a casa as receitas cociñadas!”, subliña a edil socialista.