Pontevedra dálle voz aos nosos maiores co gallo do seu Día Internacional organizando unhas Xornadas Interactivas que incluirán conferencias, obradoiros e cinema vencellados á senectude, pasarrúas de cantareiros e cantareiras e a lectura dun manifesto reivindicativo

90
  • O programa, impulsado pola Concellería de Benestar Social no marco do proxecto Proponte, foi deseñado en colaboración coa Universidade de Vigo, a Uned Sénior, Afundación, a Residencia de Maiores de Campolongo, o Banco de Alimentos, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), a Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués, o colectivo Inzar e o artista Nelson Quinteiro
  • As I Xornadas Interactivas das Persoas Maiores darán comezo este sábado 24 de setembro e terán o seu colofón o sábado 1 de outubro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores

O sábado 1 de outubro conmemórase o Día Internacional das Persoas Maiores, unha celebración promovida pola Onu desde 1991 e co que se pretende chamar a atención sobre o cambio demográfico que se está a producir na poboación e a necesidade de crear novas políticas e iniciativas públicas que beneficien aos maiores e que permitan que se manteñan activas dentro da sociedade moito máis tempo. Co gallo desta data tan sinalada, e consciente da importancia de involucrar ao conxunto da cidadanía e dos axentes sociais no desenvolvemento deste tipo de políticas, a Concellería de Benestar Social decidiu darlles voz aos nosos maiores e impulsar unhas Xornadas Interactivas que incluirán conferencias, obradoiros e cinema vencellados á senectude, pasarrúas de cantareiros e cantareiros e, como colofón do 1 de outubro, a lectura dun manifesto reivindicativo na Praza da Verdura.


Un calendario de actividades de balde que, no marco do proxecto Proponte e baixo o lema ‘Engancha’, foi deseñado grazas a un equipo de traballo no que se implicaron a Universidade de Vigo (a través so seu Programa Universitario de Maiores), a Uned (dentro do seu programa Uned Sénior) e o Espazo + 60 de Afundación. As I Xornadas Interactivas das Persoas Maiores de Pontevedra contan ademais coa colaboración de entidades sociais dedicadas a mellorar o seu benestar físico e emocional ou que contan cun elevado número de persoas maiores dentro do seu voluntariado social, como a Asociación de Familiares de Enfermos/as de Alzhéimer e outras Demencias da provincia de Pontevedra (Afapo), a delegación pontevedresa do Banco de Alimentos, a Residencia de Maiores de Campolongo (dependente da Xunta) e a Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, así como do colectivo Inzar e da Asociación Cultural Mais Cantos e o artista Nelson Quinteiro.


A iniciativa está especialmente destinada á poboación maior de Pontevedra, ao alumnado dos programas universitarios de maiores da UVigo e a Uned e ás propias entidades sociais, que poderán tramitar as súas preinscricións nos formulares online dispoñibles no enlace https://apuntate.pontevedra.gal/ (as actividades son de acceso libre ata completar aforo, con preferencia para as persoas anotadas, e será posible apuntarse por separado en cada evento). O programa, que dará comezo este sábado 24 de setembro ás 18:00 horas coa proxección do filme Arrugas e un debate posterior no Salón de Actos da Residencia de Maiores de Campolongo, foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron os concelleiros socialistas Marcos Rey e Iván Puentes; o coordinador de Extensión Universitaria e do programa Uned Sénior do centro asociado de Pontevedra, Rafael Cotelo; o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla; o director da Residencia de Campolongo, Juanjo López; a coordinadora do Programa para Maiores do Campus de Pontevedra da UVigo, Ana Acuña; o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, e mailo director artístico da Asociación Cultural Mais Cantos, Nelson Quinteiro.


Tal e como explicou Marcos Rey, edil de Benestar Social, “a axenda de actividades continuará o luns 26 de setembro no Salón Actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde, entre as 17:00 e as 19:30 horas, terá lugar a conferencia ‘O Campus camiña cos maiores’ e convidarase aos participantes a coñecer o Programa de Maiores da UVigo e o funcionamento do Banco de Alimentos, así como a achegarse ao Arboreto do Campus”. “O escenario das Xornadas Interactivas trasladarase o mércores 28 de setembro ao Salón de Actos da Uned (Monte Porreiro), cunha programación que se desenvolverá entre as 17:00 e as 20:00 horas e que permitirá coñecer a Uned Sénior, que é un hospitaleiro e en que consiste o labor que realizan o Albergue de Peregrinos e a Asociación de Amigos do Camiño Portugués. Ademais, celebraranse unha conferencia sobre Envellecemento Activo e unha exhibición de baile, e ofrecerase un pequeno ágape”, indicou Rey.


Paneis Interactivos para volcar opinións, propostas, desexos e suxestións no Manifesto das Persoas Maiores de Pontevedra


O venres 30 de setembro, de 10:30 a 13:00 horas, as Xornadas proseguirán na Sala Laxeiro de Afundación, dando a oportunidade de coñecer o Espazo + 60, o traballo que desenvolve Afapo e como previr o Alzhéimer, incluíndose tamén o obradoiro ‘Xoga e entrena o teu cerebro’. En cada evento haberá un Panel Interactivo para volcar opinións, propostas, desexos e suxestións que serán contempladas no Manifesto das Persoas Maiores de Pontevedra.
Un Manifesto que servirá como colofón desta intensa semana de actividades e que será lido na Praza da Verdura o sábado 1 de outubro, Día Internacional das Persoas Maiores, nunha xornada de celebracións que terá lugar entre as 11:00 e as 13:00 horas e na que Mais Cantos e Nelson Quinteiro protagonizarán un pasarrúas pola cidade con 40 cantareiros e cantareiras, que partirá da Praza de Ourense, discorrerá pola Peregrina, Curros Enríquez, o contorno do Mercado de Abastos e rematará na Verdura.


Segundo apuntou o edil Iván Puentes, “estas I Xornadas Interactivas pretenden converterse nun punto de encontro para as persoas maiores da nosa cidade, presentando nesta ocasión os programas que o mundo universitario ten a disposición desta poboación e o labor de entidades sociais que centran o seu traballo nos nosos maiores”. “Na miña dobre vertente de concelleiro e de membro da comunidade universitaria -afirmou o socialista-, faime unha especial ledicia que se poidan organizar eventos deste tipo, que pechan o círculo e que suman enerxías entre os diferentes económicos e culturais que ten a cidade, entre distintas administracións, como o Goberno galego e o Concello de Pontevedra, e entre diversas concellerías. No caso da UVigo e da Uned, que sexan capaces de facer algo co que moitos soñamos tódolos días, que é que, ademais de formar universitarios e xerar coñecemento na cidade, ese coñecemento poida redundar en beneficio dos pontevedreses e pontevedresas e este é un exemplo de como pode chegar ás persoas maiores”.


Ao seu xeito de entender, “dentro da evolución do modelo de cidade que Pontevedra debe experimentar nos vindeiros anos, as persoas maiores e as súas necesidades, en mobilidade, en medio ambiente e atención social, teñen que estar no epicentro de tódalas políticas e de todo o deseño de cidade que fagamos de aquí ao futuro”.


A primeira grande iniciativa impulsada no marco do programa Proponte


Marcos Rey calificou a presentación destas Xornadas Interactivas ‘Engancha’ como “un día moi especial, xa que estamos ante a primeira grande iniciativa que realizamos dentro do programa Proponte”. “Nun principio, tiñamos pensado unicamente organizar unha xornada coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores, pero, a raíz de manter unha reunión con tódalas entidades que, dunha ou outra maneira, colaboran cos nosos maiores, o que ía ser un día converteuse nunha semana”, indicou o concelleiro de Benestar Social.


A coordinadora do Programa para Maiores do Campus de Pontevedra da UVigo incidiu na importancia do traballo en rede e do labor de coordinación efectuado desde o Concello, xa que, “tanto para a Universidade como para outras institucións anfitrioas que organizamos actos nas nosas sedes, é un pracer coñecer a outras entidades e asociacións”, mentres que o presidente de Afapo incidiu en que “debido a esta situación de benestar da nosa sociedade, empézase a falar xa non da terceira idade, senón da cuarta, o que significa que, despois da actividade profesional, dispoñemos de 20 ou 30 anos de vida activa e con estas Xornadas queremos explicarlle á xente como pode ter unha boa calidade de vida durante eses anos para poder evitar calquera tipo de deterioro”.


O director da Residencia de Maiores de Campolongo amosouse “encantado de colaborar e de facer cada vez máis presente á Residencia en Pontevedra” e subliñou a necesidade de “comezar a construír a cidade e a sociedade que seremos, non a que fomos, que esa xa a temos clara e nos gusta moito, onde a terceira idade sexa o eixo fundamental sobre o que terá que pivotar todo”. Pola súa banda, Nelson Quinteiro calificou como “un agasallo poder pechar estas Xornadas, poñendo festa, que tamén é algo importante”. “Se por algo se caracteriza Mais Cantos -asegurou- é polo seu carácter desenfadado, festivo, que vai máis aló do cultural e que ten que ver con esa dinamización das persoas maiores e con eses vencellamentos comunitarios. Imos facer algo bonito e animamos a todo o mundo a vir connosco”.


Na mesma dirección, Rafael Cotelo dixo estar “encantado da vida de participar nestas actividades, aliñadas coa Axenda 2030, co obxectivo 17 (alianzas e colaboracións para a consecución de obxectivos), dando a coñecer o que facemos, como o facemos e para quen o facemos”, agardando que o mércores 28 “poidamos poñer en valor o que facemos na Uned e darnos a coñecer”. Tino Lores apuntou que “os Amigos do Camiño Portugués a Santiago estamos encantados de poder participar e amosar ese día 28 na Uned a nosa actividade”, ao tempo que agradeceu á coordinadora das Xornadas, Ana González, e aos concelleiros Marcos Rey e Iván Puentes o traballo que fixo posible organizar actos a prol dos maiores.