Desenvolvemento Sostible pon en marcha as obras de construción da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa

78
  • Os traballos, que deron comezo co formigonado do terreo de xogo, están a ser realizados pola empresa Garocaprim SL cun orzamento de 44.467,18 euros, teñen un prazo de execución de dous meses e incluirán o axardinamento do contorno, a dotación de bancos, papeleiras e puntos de recarga e a mellora da iluminación

Coa axuda dun camión dotado dun enorme brazo mecánico de bombeo completáronse ao longo desta mañá os traballos de formigado cos que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural puxo en marcha as obras de construción da nova pista polideportiva do parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro. O proxecto está a ser executado pola empresa Garocaprim SL, ao que lle foi adxudicado cun orzamento de 44.467,18 euros (saíu a licitación por 50.000), ten un prazo de execución de dous meses e incluirá o axardinamento do contorno, a instalación de bancos, papeleiras e puntos de recarga e a mellora da iluminación.


O inicio das actuacións foi supervisado esta mañá sobre o terreo polo propio concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, nunha visita na que estivo acompañado polo edil de Benestar Social, o tamén socialista Marcos Rey, e mailo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán. Segundo lembrou Puentes, “este novo equipamento multideportivo vén a substituír ás vellas porterías que tiñamos na zona e que supuñan unha instalación de xogo bastante precaria, permitindo a práctica de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán en óptimas condicións”.


“Esta obra -sinalou o concelleiro do PSOE- enmárcase dentro dun proxecto de reforma integral da Praza de Europa, na que ademais da pista, tamén se levará a cabo a mellora da xardinería, a iluminación e o mobiliario urbano, instalándose novos bancos, papeleiras e puntos de recarga para teléfonos móbiles. Todo isto cunha vocación, que é a de converter o parque e a Praza de Europa no núcleo de centralidade do barrio de Monte Porreiro, para que poida ser moito más utilizado do que xa é neste momento e para que estea nunhas condicións moito máis estéticas, que permitan ese lecer e ese relax dos veciños e veciñas a diario. É unha obra que non remata aquí e que dá continuidade a actuacións que xa fixemos no seu momento no parque infantil, que foi ampliado coa instalación dunha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude e a adaptado á normativa autonómica e europea en materia de seguridade. Un parque infantil que será ampliado con máis xogos e cuxo chan de herba sintética será substituído na súa totalidade”.


Entre os obxectivos contemplados na formulación deste proxecto inclúense os de mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería; xerar un espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; optimizar a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e incrementar a capacidade de acollida e confort do espazo coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación. O proxecto prevé a creación dunha pista multideporte de fútbol e baloncesto con peche perimetral, pensada para xogos de pelota en xeral e formada por unha combinación de dúas porterías e dúas canastras, esquinas cadradas, entradas polos dous laterais, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura, estruturas cubertas de capa anti graffiti e pezas metálicas galvanizadas en quente con recubrimento en po, tornillería de aceiro e ancoraxes metálicos. 


En base ao proxecto deseñado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, os pavimentos da nova zona deportiva e do seu contorno formularanse conforme ás seguintes pautas: as superficies serán con lixeira pendente, sen que se formen charcos e con pendente do 0,5% cara os sumidoiros de recollida de augas e empregarase base de zahorras artificiais estendidas e compactadas, así como formigón armado.


Puntos de recarga con catro tomas de USB e dotación de luminarias Led

Entre as melloras contempladas tamén se propón a subministración e instalación de varias papeleiras e de puntos de recarga con catro tomas de USB de 2,1A e 5V (con dobre soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación ‘recargando’) a carón da pista de xogos multideporte. Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…).


Tamén se realizará unha mellora da iluminación da pista deportiva mediante a colocación de luminarias LED, que serán resistentes ás condicións de espazos abertos e que permitan a utilización nocturna dos novos equipamentos multideporte. Desde o punto de vista do confort, apréciase un déficit de sombra no contorno da pista deportiva, así como de toda a zona de estancia máis próxima á rúa Bélxica.


Coa finalidade de garantir unha axeitada relación sol/sombra formúlase unha proposta de plantación de arborado nas pezas de xardín, nas que se incorporarán especies coherentes coas existentes. Logo da eliminación da liña de alta tensión que condicionaba o porte arbóreo deste parque, a Concellería de Desenvolvemento Sostible apostará por especies arbóreas de maior porte co obxectivo de mellorar o sombreado da contorna do parque e da área de xogos infantís, así como dos bancos de madeira. 


Por outra banda, contémplase a reposición de árbores nas aliñacións dos paseos de formigón que rodean o parque e distribúen as circulacións peonís cara as rúas e edificacións do contorno. A incorporación dun estrato arbustivo neste parque é imperativa para superar o actual estado de xardín inacabado que presenta este espazo. O mobiliario cumprirá coas axeitadas especificacións desde o punto de vista da funcionalidade, confort para os usuarios e integración paisaxística no contorno, e instalarase un sistema de rega automatizado dotado de estacións reguladas por electroválvulas e un programador central.