O Ganapán colle ritmo e propón uns talleres de confección de mini banxos e bailarinas de pau e uns obradoiros de cociñado de pudin de laranxa e noces e torta de pexegos para esta fin de semana

19

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, xa colleu ritmo de inicio de curso e esta fin de semana regresa cunha oferta de actividades chea de dozura e música. A proposta que se atoparán os rapaces e rapazas de 4 a 10 anos que participen nos talleres que se desenvolverán, unha vez máis, no segundo andar do Mercado de Abastos, abrangue a elaboración de deliciosos e saudables doces e a confección de divertidos elementos de xogo con material de refugallo. 


Así, segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “para o sábado 17 de setembro están previstos un obradoiro no que os nenos e nenas poderán preparar un clásico pudin de laranxa e noces, “unha sobremesa do máis saborosa, ideal para almorzo ou merenda, e que nunca defrauda”. “E para darlle música e ritmo ao cociñado -apunta a edil do PSOE-, os pequenos tamén crearán uns mini banxos moi orixinais”.


O domingo 18 de setembro, os rapaces e rapazas participantes terán ocasión de elaborar unha torta de pexegos, unha sobremesa con froita que, como sinala Yoya Blanco, “é sempre unha opción de larpeirada saudable, ben fresquiña e que está deliciosa”. Ademais, os pequenos poderán deseñar unhas estilosas bailarinas reciclando os paus dos xeados papados durante o verán.


Tanto o sábado como o domingo, os talleres celebraranse nun único horario continuado, entre as 11:30 e as 13:30 horas. Todos aqueles nenos e nenas interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando neste correo as posibles alerxias ou intolerancias. Aconséllase encarecidamente portar friameira para levar a casa as receitas cociñadas.