Charlas e guías educativas para concienciar aos máis pequenos sobre as Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII) e axudarlles a previlas e a recoñecer os seus síntomas

345
  • Baixo o epígrafe ‘Educar é previr’, a Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (Asseii), en colaboración coa Concellería de Benestar Social de Pontevedra e o Sergas e co patrocinio da firma farmacéutica Janssen, editou uns 1.000 exemplares dunha unidade didáctica que, xunto cuns paneis imantados, servirán para explicarlles aos escolares pontevedreses como detectar estas patoloxías

Concienciar aos máis pequenos sobre a necesidade de previr e detectar as Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII) é un dos principais obxectivos dun programa educativo que a Asociación Socio Sanitaria de EII (Asseii) porá en marcha nos nosos centros educativos e que se traducirá na distribución dun milleiro de unidades didácticas e de charlas impartidas coa axuda duns paneis imantados moi didácticos e sinxelos de comprender. A iniciativa, que conta coa colaboración da Concellería de Benestar Social de Pontevedra, a Xunta e o Servizo Galega de Saúde (Sergas) e mailo patrocinio da firma farmacéutica Janssen, desenvolverase inicialmente entre centros de ensino, colectivos e fundacións da provincia, coa pretensión de que poida chegar (cunha versión en castelán da guía) por colexios de toda España, e tamén a centros de persoas maiores e a profesionais do ámbito sanitario.


O proxecto foi presentado esta mañá no Concello nunha comparecencia na que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a presidenta de Asseii, Ángela Paz; a súa secretaria, Milagros Paz, e os membros do colectivo Lara de Saa e Víctor Loira, e na que se expuseron tanto as unidades didácticas como os paneis que se levarán polos colexios. Segundo sinalou o edil do PSOE, “a guía editada servirá para promover unha boa saúde dixestiva ante as EII entre os máis pequenos, os maiores e os profesionais, e é un reflexo de Asseii, que sempre ten un xeito orixinal e natural de amosar as cousas, sempre con sentido do humor, axudando a visibilizar estas patoloxías”.


Tal e como asegurou Ángela Paz, o programa está enfocado a “educar para previr, sobre todo en enfermidades como estas, que cada vez aumentan máis na Área Sanitaria de Pontevedra” e artellouse mediante “unha guía divertida e amena, avalada pola Consellería de Sanidade, que a revisou, e os servizos de Dixestivo e de Enfermidades Inflamatorias Intestinais de Pontevedra, que tamén lle deron un visto e prace”. “É unha forma moi sinxela de aprender e na que xogamos co humor. A idea é enviar a guía aos colexios a través da Concellería de Benestar Social para poder dar as charlas correspondentes (tamén se poden solicitar as guías e a participación no programa no email dixestivo.pontevedra@gmail.com)”, apuntou a presidenta de Asseii.


Milagros Paz, docente que lle deu forma a esta unidade didáctica, indicou que, entre os recursos empregados, destinados a ofrecer charlas motivadoras, inclúense plataformas interactivas, técnicas de avaliación e dinámicas de grupo, “coas que se pretenden xerar rutinas de pensamento para aprender a pensar e saber se as súas ideas sobre estas enfermidades son as mesmas unha vez que as charlas conclúen”. “Queremos que se dean conta da cantidade de angustias e de medos que as persoas temos por falta de coñecemento -afirmou a secretaria de Asseii-, que se poidan sacar de dentro e que aqueles que estamos fóra aprendamos a empatizar. Imos comezar nos colexios, cos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria, xa que, se estamos a falar de educar para previr, hai que empezar polos máis pequenos, que é onde debemos concienciar, e ademais a doutora Estela Fernández, da Unidade de Inflamatorio de Pontevedra, alertou de que estas enfermidades xa están comezando a afectar a franxas de idade que non son tan habituais, como nenos e maiores. Iso quere dicir que nalgún colexio, nalgún momento, hai algún neno que se ve nesta situación e que non o quere dicir”.

Tal e como precisou Lara de Saa, “un dos paneis imantados servirá para explicar como é unha dixestión normal, con pezas para que os rapaces coñezan os percorridos que fan os alimentos cando os inxiren, e o outro para amosar as zonas afectadas polas EII, e dese xeito os nenos poden comparar de xeito máis interactivo e visual o que acontece cando hai unha dixestión normal e cando hai unha afección e se vexan na situación”.


Víctor Loira incidiu no feito de que, aínda que este proxecto se poña en marcha inicialmente en Pontevedra, “seguro que irá medrando e non descartamos ter que traducir a guía ao castelán e distribuílo fóra de Galicia (xa hai colexios de Baleares interesados), algo que obviamente nos enchería de orgullo”.


Marcos Rey subliñou que as EII afectan cada vez a maior poboación e, de feito, “calcúlase que un de cada 100 habitantes de Pontevedra ten unha patoloxía deste tipo”, polo que aprender “a ler o que nos di o noso corpo e a interpretar como son as feces ou os cheiros resulta fundamental para previr patoloxías máis graves”. Para Ángela Paz, “a guía é unha ferramenta moi importante para que os nenos se poñan na pel dos rapaces que do seu colexio que padecen estas patoloxías, previndo así os casos de acoso escolar a compañeiros”.


Aínda que a tirada inicial é de 1.000 guías, Asseii e a Concellería de Benestar Social prevén ‘tirar’ máis exemplares en función da demanda, xa que as unidades didácticas tamén están pensadas para centros de formación de Enfermería e para profesionais da saúde. “A linguaxe que se emprega aquí é directo e coloquial e, ás veces, a que empregan os médicos, con expresións como ‘colostomía de alto débito con residuos…’, pois resulta moi complexa de entender. Isto é un xeito de que os rapaces se convertan no día de mañá en promotores dunha saúde de calidade”, apuntou Ángela Paz.


A iniciativa conta xa cos centros colexio San Narciso de Marín e CIFP A Xunqueira, a Asociación Xuntos Down de Pontevedra e o Club Waterpolo Pontevedra. A guía, que tamén conta cun glosario de termos para comprender as EII, estará colgada tanto na web de Asseii como na do Concello de Pontevedra (pontevedra.gal).