Pontevedra exporá mañá en Madrid o seu plan para renaturalizar o río dos Gafos no marco dun ‘cumio’ dos mellores proxectos medioambientais de España

57
  • A reunión técnica que se celebrará na sede da Fundación Biodiversidade marcará o pistoletazo de saída das iniciativas de recuperación ambiental financiadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con cargo aos fondos Next Generation

O xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, participará mañá a partir das 10:00 horas na sede da Fundación Biodiversidade en Madrid (calle de las Peñuelas, 10) nunha reunión técnica de traballo na que se van expoñer cada un dos 18 proxectos de renaturalización e resiliencia elixidos polo organismo adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para financiarse con fondos europeos Next Generation. Entre as iniciativas presentadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra a esta convocatoria (enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado) e que a Fundación decidiu situar entre as mellores de España (a proposta do noso Concello foi a cuarta que obtivo unha maior puntuación) inclúese o ambicioso proxecto para liberar e restaurar o treito soterrado do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo.


A reunión técnica á que asistirá o técnico municipal permitirá non só presentar os proxectos, senón tamén coñecer o sistema de execución dos mesmos, o seu procedemento de xustificación técnica e económica e as obrigas de comunicación asociadas a cada un deles, servindo de pistoletazo de saída administrativo para súa concreción e posta en marcha. Tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “este ‘cumio’ de Madrid sitúa a Pontevedra no club dos mellores proxectos de recuperación medioambiental e posta en valor de contornos naturais urbanos de España”.


“As axudas dos Next Generation concedidas a Pontevedra pola Fundación, a entidade máis importante do noso país neste eido -lembra o edil do PSOE-, permitirán financiar un paquete de iniciativas cun valor global de 3.958.629,48 euros sen IVE (4.789.941,67 euros sumando o IVE), dos que a Fundación financiará nun 95% tanto os 3.657.282,38 millóns que corresponden á parte do orzamento do Concello (3.474.418,25 €) como os 301.347,11 euros que corresponden ao da Universidade da Coruña (286.279,75 €), que tamén colabora nalgún dos proxectos (deses 3,6 millóns, o Concello de Pontevedra asumiría polo tanto o 5% restante e mailo IVE, sumando deste xeito, coa parte da Universidade, un investimento de máis de 4,7 millóns de euros)”.


Unha das actuacións centrais que se financiarán con cargo a esta primeira convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica será o plan para destapar o treito urbano do río dos Gafos, ao seu paso por Campolongo, e convertelo nun fermoso parque fluvial dun tamaño de 81.000 metros cadrados, equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón de Pontevedra. Unha intervención estratéxica que recibirá concretamente unha achega económica duns 2,3 millóns de euros (co IVE) e que mellorará a calidade de vida de tódolos pontevedreses.

Non obstante, a proposta remitida a finais do ano pasado á Fundación Biodiversidade pola Concellería de Desenvolvemento Sostible plantexouse como un plan destinado a desenvolver a Rede Verde Pontevedra, integrando a dimensión medioambiental no medio urbano mediante a súa renaturalización, o incremento da biodiversidade e a recuperación e conectividade do espazo marítimo-fluvial, a fin de potenciar as infraestruturas verdes locais e de permitir unha maior resiliencia ante os efectos do cambio climático.

Un Pxom da nosa rede de espazos verdes


Por este motivo, entre os obxectivos recollidos tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano e ademais incorporará as actuacións necesarias a fin de potenciala e mellorala durante as vindeiras décadas. Unha sorte de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pero de espazos verdes, á que se destinará unha achega de 91.581,74 euros (110.813,90 euros co IVE) e que é un documento estratéxico que a UE nos vai esixir a partir de agora para calquera candidatura de fondos europeos que teñan como finalidade o compoñente medioambiental.


Ademais, entre as accións concretas recóllense a mellora ecolóxica e paisaxística no contorno do parque de Rosalía de Castro e a avenida de Compostela (a carón do Lérez), coa inclusión dun sistema de drenaxe sostible, cun orzamento de 923.456,51 euros (1.117.382,37 € con IVE); a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras como acacias, eucaliptos e cangrexo americano, cun orzamento de 304.571 euros (uns 368.530 € con IVE), e a recuperación ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals), cun orzamento de 157.569,40 euros (máis de 190.000 € co IVE).


Iván Puentes subliña que “todos estes proxectos teñen non só un horizonte para o seu inicio, senón tamén para que se fagan realidade, xa que o Ministerio para a Transición Ecolóxica marcou como prazo para executalos o mes de xullo de 2025”.


Das 99 candidaturas presentadas a esta convocatoria da Fundación Biodiversidade, só se aprobaron 18 en toda España e a de Pontevedra foi a única que se aprobou en toda Galicia (a proposta da Concellería de Desenvolvemento Sostible quedou a tan só un punto do proxecto que levou unha mellor valoración).