O Consello Superior de Deportes concédelle ao Concello de Pontevedra unha subvención de case 140.000 euros para a execución das obras de mellora do pavimento e a accesibilidade no Pavillón Municipal

145
  • O proxecto presentado pola Concellería de Deportes foi o segundo mellor valorado de entre as 14 propostas presentadas a esta convocatoria, destinada a financiar actuacións de accesibilidade e en infraestruturas deportivas relacionadas coa celebración de competicións de carácter internacional

O Ministerio de Cultura e Deportes vén de outorgarlle ao Concello de Pontevedra unha subvención de case 140.000 euros para o proxecto de mellora do pavimento e a accesibilidade que se está a executar no Pavillón Municipal. A resolución definitiva pola se concede esta axuda foi comunicada nunha misiva asinada polo subdirector xeral de Promoción e Innovación Deportiva, Aitor Canibe Sánchez, incluíndose dentro da convocatoria de axudas ás corporacións locais e empresas públicas municipais do Consello Superior de Deportes para o ano 2022.


Segundo explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “trátase dunha convocatoria especialmente destinada ao financiamento de actuacións de accesibilidade e en infraestruturas deportivas relacionadas coa celebración de competicións de carácter internacional, e a proposta presentada por Pontevedra foi a segunda con mellor valoración de entre as 14 presentadas”. “A solicitude de subvención realizada polo Servizo de Deportes para as obras de rehabilitación da pista deportiva, e dotación de novas ramplas de acceso, era de 256.668 € e o Consello Superior de Deportes concedeunos 139.771,22 €”, apunta o edil do PSOE.


O proxecto de mellora da pista, adxudicado á empresa Prace por un orzamento de 310.568,39 euros, contempla a renovación da pista de xogo, que estará rematada en madeira de faia, o pavimentado do foxo perimetral, o rectificado das ramplas existentes e dos remates laterais, así como a renovación da varanda perimetral e a marcaxe regulamentaria da pista para balonmán, fútbol sala, baloncesto e voleibol.


A contía definitiva que o Consello procedeu a asignar ascende a 1,2 millóns de euros, e entre os proxectos aos que se lle concederon subvención inclúense traballos de mellora do alumeado exterior, substitución de céspede, adecuación de pavillón, melloras de accesibilidade ou cubertas de bancadas. Entre as corporacións e empresas municipais beneficiadas atópanse, ademais de Pontevedra, Granada (Gegsa), El Espinar, Banyoles, Zaragoza, Santander, Sant Boi de Llobregat, Barcelona (Ibe) e Jerez (circuíto).