40 empresas galegas á procura de competitividade e internacionalización

52
  • O Pont-Up Store presenta a programación desta novena edición, centrada en axudar ás novas empresas galegas a desenvolver competencias que lles permitan madurar os seus emprendementos e iniciar o camiño da internacionalización
  • O encontro arrincará en Pontevedra dentro dunha semana con actividades previas en distintos espazos da cidade e abrirá a carpa da Praza de España o venres 23 e sábado 24 con perto de 40 modelos de negocio que destacan pola innovación, a creatividade e a sustentabilidade

Esta mañá presentouse en Pontevedra o extenso programa de actividades que se vai desenvolver durante o Encontro de emprendemento Pont-Up Store en distintos puntos da cidade. Na presentación participaron Yoya Blanco Rial, concelleira de Promoción Económica e Igualdade do Concello de Pontevedra; Eva Lantarón Caeiro, vicerreitora do Campus de Pontevedra da UVIGO; Carlos López Font, deputado de Economía da Deputación de Pontevedra; e Pedro Figueroa Dorrego, director do Pont-Up Store, quen destacou o importante esforzo feito desde o comité organizador para ofrecer aos novos emprendementos axuda no desenvolvemento de competencias que “lles van servir para reforzar a calidade e a viabilidade dos seus negocios”. Figueroa explicou que o contexto no que naceron estes novos emprendementos (menos de 3 anos e medio de antigüidade) obrigounos a resistir a crise provocada pola Covid-19 ou a lidar con ela no seu arranque e “iso dificultou ou ralentizou a maduración do seu modelo negocio, por iso pensamos que este ano o Pont-Up debe prestarlles apoio neste sentido“. O director do encontro engadiu que “de xeito complementario queremos tamén presentarlles posibilidades para internacionalizarse na escala na que cada emprendemento poda asumilo e polo tanto haberá tamén varias sesión dedicadas a coñecer distintos programas e experiencias de internacionalización”.

Pola súa parte, a concelleira Yoya Blanco destacou a cantidade de emprendementos con liderado feminino, un 80%, e que tamén se traslada ás actividades do programa, onde das 70 persoas poñentes, 50 son mulleres. A este respecto, Pedro Figueroa apuntou que boa parte destas persoas xa participaron en edicións anteriores do Pont-Up Store e agora, cos seus emprendementos xa maduros, axudan a outras emprendedoras e emprendedores. A vicerreitora Eva Lantarón incidiu na importancia de “axudar ás novas empresas a incrementar as posibilidades competitivas e de internacionalización” e lembrou que o obxectivo do encontro é “converter a Pontevedra na capital das mellores iniciativas empresariais“. Neste sentido, animou a todas as persoas que se embarquen na emocionante aventura de empender a participar no programa de actividades, que nesta edición xa serán presenciais, pero que tamén se retransmitirán en streaming para facilitar a asistencia desde calquera lugar e que poderán ser consultadas no futuro, convertíndose nunha valiosa ferramenta para o ecosistema emprendedor. Por último, o deputado Carlos López Font asegurou que “o gran talento innovador da provincia necesita o espazo de promoción que o Pont-Up Store supón para o novo emprendemento“.

Mellorar competencias


O Pont-Up Store ofrecerá este ano máis de 30 actividades relacionadas co ecosistema emprendedor, e máis da metade serán sesións destinadas a adquirir ou mellorar competencias básicas ou específicas. Entre as competencias básicas, haberá sesións dedicadas ás posibilidades de financiamento na pequena empresa; ás axudas e subvencións; e á aceleración, dixitalización e neuromarketing para PEMEs. Con respecto ás competencias específicas, destacan as relativas ás empresas de economía social e dos emprendementos sostibles. De feito, a economía social é unha fórmula que vai en aumento entre os novos emprendementos ano tras ano. Nesta edición, o 12% das solicitudes presentadas correspondíanse con cooperativas. E máis alá, da da fórmula xurídica, a sostibilidade en todos os seus ámbitos tamén se consolida como un eixe transversal presente na maioría dos novos emprendementos que participan nesta edición. En total, vanse presentar 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que 4 desenvolverán actividades demostrativas na carpa e outras 4 participarán tamén no talent show Pont-Up Exprés, onde  un total de 7 iniciativas empresariais presentarán as súas ideas de negocio ante un xurado composto por 4 representantes de importantes entidades e empresas galegas.