O Concello rexeita asinar as expropiacións forzosas da supresión dos pasos a nivel na praza dos Praceres

2

O coordinador do rural, Alberto Oubiña, negouse a asinar as actas de levantamento das catro parcelas do Concello de Pontevedra afectadas por este proxecto “porque é unha desfeita total para a parroquia de Lourizán e soterra ás persoas”.

O proxecto destruirá o parque infantil da praza, afecta á parcela municipal do campo de fútbol e a outras dúas de menor entidade. Tamén inviabiliza o Parque da Dignidade. 

O Concello de Pontevedra non asinou esta mañá a expropiación forzosa para a urxente ocupación das fincas afectadas polo proxecto de supresión dos pasos a nivel dos Praceres, nun acto ao que asistiu o coordinador do rural, Alberto Oubiña, que vestía unha camiseta co lema “Non á desfeita nos Praceres” no Pazo da Cultura.

A asistencia debeuse á obriga legal do expediente de expropiación forzosa, pero o concelleiro acordou non asinar o levantamento das actas, xa que o Concello é un dos afectados, ao igual que outros particulares que tampouco se presentaron no Pazo da Cultura.

“Como Concello dispoñemos de parcelas afectadas, pero decidimos non asinar porque consideramos que é unha desfeita total para a parroquia de Lourizán porque parte a parroquia en dúas, e soterrea ás persoas que a atravesan, incluso aos centos que se desprazan a diario ao centro escolar”, explicaba o concelleiro Alberto Oubiña.

O proxecto de soterramento das persoas na praza dos Praceres como solución á retirada os pasos a nivel do tren, derrubará o parque infantil de Praceres, invadirá parte da zona do campo de fútbol en propiedade municipal e dúas parcelas máis pequenas, tamén do Concello, na zona. Ao tempo, inviabiliza o proxectado Parque da Dignidade porque estará atravesado por unha estrada que impedirá o acceso a el.

“Imos seguir a loitar para defender á veciñanza porque existen alternativas que Adif pode levar adiante, se quere”, concluíu Alberto Oubiña.

A maiores, o concelleiro remitiu esta mañá un escrito a Adif manifestando, novamente, a oposición ao proxecto de soterramento dos pasos a nivel en Praceres.

O escrito recolle que “En opinión reiterada deste Concello e así manifestada, estas obras supoñen, á vista do informado polos técnicos municipais, unha solución non axeitada ao interese xeral nin ás lexítimas necesidades e aspiracións da comunidade veciñal afectada, por cuxos intereses vela este Concello. Mesmo consideramos que podería chegar a vulnerar o dereito á tutela xudicial efectiva dos veciños que acudiron á vía xudicial e o principio de indemnidade, xa que se producirá unha sorte de “reformatio in peius” do proxecto en vía de execución de sentenza, que prexudicaría máis á contorna residencial que o propio proxecto anulado”.